A RFG en Ferrol

luns, 2 Decembro, 2013

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana o seu concerto na cidade de Ferrol. Baixo a batuta de Maximino Zumalave, a orquestra interpretará obras de Beethowen, Strauss e Bal y Gay. Será o vindeiro xoves, día 5 de decembro, ás 20:30 horas, no Teatro Jofre. A velada musical é unha iniciativa promovida pola Sociedade Filarmónica Ferrolá no marco do seu ciclo de concertos.

 

Na primeira parte do concerto, a RFG tocará a Serenata para orquestra de cordas do compositor, investigador e musicólogo galego Jesús Bal y Gay. Das escasas obras que compuxo, esta estreouse en México en 1943, ao ano seguinte da súa composición, e está  considerada como unha das súas mellores partituras. Unha peza sinxela pero con moito gancho, que desborda nos seus quince minutos de duración.

 

A continuación, a orquestra interpretará a Serenata en Mi bemol maior para 13 instrumentos de vento do compositor alemán Richard Strauss . Unha obra escrita na súa xuventude, cando só tiña 17 anos e na que se empregan trece instrumentos de vento: 2 frautas 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots, 1 contrafagot e 4 trompas. Ten unha duración aproximada de dez minutos.

 

Na segunda parte do concerto, os músicos da RFG achegarán ao público a Sinfonía nº 3 en Mi bemol maior de Beethoven. Trátase da obra “Heroica”, que orixinariamente ía levar o título de “Bonaparte” porque estaba dedicada a Napoleón. Os seus cincuenta minutos de duración porán o broche final ao concerto.