A xerente do Consorcio supervisa os traballos de eliminación de humidades na capela do Cristo de Conxo

mércores, 4 Decembro, 2013

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago está a promover a eliminación de humidades na capela do Santo Cristo de Conxo. Os traballos, que comezaron a principios de setembro, rematarán ao longo deste mes. A empresa adxudicataria da obra é Construcciones Abal e o orzamento global ascende a 109.749,58 euros. Esta mañá a xerente do Consorcio, María Antón, visitou a capela para coñecer de primeira man a evolución das tarefas de rehabilitación, en compañía do párroco, Manuel Pérez, e dos responsables da empresa encargada dos traballos.

 

Tal como explica a arquitecta do Consorcio Lourdes Pérez, “a capela estaba moi afectada por humidades. Para atallar este problema, estanse a incorporar canalóns nos aleiros da cuberta, destinados á recollida da auga da chuvia, e fíxose unha revisión completa de todos os rexuntados das fachadas da igrexa. Por outro lado, realizouse unha drenaxe dos muros perimetrais. E restauráronse e nalgúns casos substituíronse as carpinterías exteriores deterioradas por outras que van permitir unha correcta impermeabilización e ventilación da edificación”.

 

O cirrio común

 

No tellado da capela ten establecidos os seus niños unha colonia de cirrio común, unha ave protexida que ademais non produce sucidade nas fachadas nin danos nos edificios. A instalación de canalóns na cuberta da capela de Conxo impediríalles a estes paxaros entrar nos aleiros, onde crían. Así, o Consorcio de Santiago colaborou Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), co fin de garantir a conservación desta especie. En concreto, deixáronse ocos nos aleiros para que os cirrios poidan acceder ás cubertas da igrexa e sigan a construír alí os seus niños.