A soprano Elena Copons e 150 voces profesionais e de afeccionados uniranse no concerto de Nadal

martes, 17 Decembro, 2013

O tradicional concerto de Nadal da RFG será un concerto participativo. A soprano catalá Elena Copons estará acompañada polo coro da Capela Compostelana na interpretación dos fragmentos máis populares do Mesías de Haendel. Ademais, haberá participación popular nalgúns dos extractos seleccionados. Participarán nesta iniciativa uns 90 afeccionados, dende persoas a título individual e de todas as idades, ata rapaces chegados de distintos colexios ou integrantes de agrupacións procedentes de diferentes puntos de Galicia. O actor galego Evaristo Calvo intervirá ao longo de todo o concerto como narrador.

 

A cita será o vindeiro venres día 20, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. A batuta levaraa o director titular da orquestra, Paul Daniel. A primeira parte do concerto arrancará co Concerto de Nadal do compositor italiano Arcangelo Corelli. A continuación a RFG interpretará a panxoliña anónima O veni, veni, Emmanuel, coas voces do coro de nenos da Escola Municipal de Música de Santiago, que dirixe Simona Kantcheva e que reunirá a preto de corenta rapaces. A orquestra tocará de seguido a Sinfonía nº 5 do compositor británico William Boyce.

 

O Mesías de Haendel

 

A segunda parte do concerto centrarase no Mesías de Haendel. Trátase dun texto en tres actos, divididos en escenas, sobre fragmentos do Antigo e do Novo Testamento, onde os coros teñen un protagonismo particular. A Real Filharmonía de Galicia tocará un total de 11 fragmentos da obra, os máis coñecidos, incluído o famoso “Halleluja”.