A Real Filharmonía de Galicia (RFG), no seu afán por achegar ao público galego a súa programación de concertos, mantén acordos de colaboración coas sociedades filarmónicas de Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol. É unha relación satisfactoria e de beneficio mutuo que permite ampliar a programación de concertos sinfónicos e aumentar de xeito notable o número de asistentes aos diferentes recitais, segundo afirman estas veteranas agrupacións musicais.
A Sociedad Filarmónica de Vigo cualifica o convenio coa RFG e a Fundación Novacaixagalicia como un “verdadeiro éxito: Permitiu ampliar a difusión da música de grande orquesta a un maior sector de público”.
Pola súa parte, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra fala de “importancia vital” ao ponderar esta relación que lles fai albergar esperanzas de “recuperar aboados, nestes momentos tan difíciles”.
A Sociedad Filarmónica de Lugo afirma que a presenza da RFG na cidade permite un achegamento aos “novidosos e orixinais programas que caracterizan a orquestra nos últimos anos”. Xulga “primordial” manter a colaboración coa orquestra, á que xa considera “da casa”, e entende que Lugo pode ofrecerlle un público interesado, así como un marco distinto e amigable.
A Sociedad Filarmónica Ferrolana, finalmente, amósase moi satisfeita e mesmo aspira a aumentar o número de concertos da RFG no teatro Jofre cara á próxima temporada: “Ademais de incrementar de maneira considerable o número de socios e mobilizar a unhas quiñentas persoas por concerto, é un estímulo para os alumnos do Conservatorio e do ensino medio”.
A Real Filharmonía de Galicia agradece esta “proveitosa e frutífera” relación e espera que poida consolidarse con programacións máis amplas a satisfacción de todos.