A RFG celebra un novo concerto este venres, día 10 de xaneiro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. Nesta ocasión levará a batuta o director venezolano Manuel Hernández-Silva. Ademais, a orquestra estará acompañada ao piano pola pianista croata Martina Filjak.
O concerto arrincará coa obra Saúdo de amor, do compositor británico Edward Elgar (1857-1934). Escrita orixinalmente para violín e piano, esta peza foi o regalo de compromiso do músico para a súa futura esposa.
A continuación a orquestra interpretará Os catro temperamentos, do compositor e musicólogo alemán Paul Hindemith (1895-1963), un dos pioneiros na creación da chamada "música utilitaria", música para poder ser escoitada a calquera hora do día e en calquera situación. Compuxo esta obra para piano e cordas en 1940 en Estados Unidos, afastado da guerra que varría a Europa. É un tema con catro variacións, cada un delas dedicada a un dos catro temperamentos básicos do ser humano: melancólico, sanguíneo, flemático e colérico.
A segunda parte do concerto centrarase na Sinfonía nº 4 (“Tráxica”) do compositor austríaco Franz Schubert (1797-1828), considerado o introdutor do Romanticismo musical. Escribiu esta peza cando só tiña 19 anos de idade. Trátase dunha bela obra, poética, que afonda no tráxico do ser humano. É unha marabillosa mostra de brillantez, vitalidade, alegría e seriedade.