A EAEM ofrece tres prazas para que os músicos máis novos perfeccionen a súa destreza co contrabaixo

martes, 14 Xaneiro, 2014

A Escola de Altos Estudos Musicais promove un curso de contrabaixo dirixido a intérpretes mozos. O curso desenvolverase entre os meses de febreiro a xuño, nun total de sete sesións que se celebrarán os sábados pola mañá, a primeira o 8 de febreiro.

 

Esta acción formativa está pensada para rapaces que están a realizar os seus estudos de grao medio en conservatorios e escolas de música. Ofrécense un total de 3 prazas. Os alumnos interesados en participar neste curso deberán presentar unha solicitude ata o 30 de xaneiro, a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. A selección de admitidos realizarase por rigorosa orde de inscrición.

 

En canto aos contidos, haberá un mínino de seis horas de preparación individual repartidas ao longo do curso. Ademais, dedicaranse 3 horas mínimas de clase a aspectos relacionados coa biomecánica do contrabaixista, en colaboración con Sila Sobrado, profesora de Técnica Alexander. A través desta técnica búscase a prevención de tensións, malas posturas e lesións musculares tan propias dos músicos. A isto engádense tres horas de aprendizaxe das novas grafías da música actual para contrabaixo. E tamén haberá 4 horas de repertorio orquestral.

 

O profesor é Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia

 

O curso impartirao o músico vasco Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia. Comeza os seus estudos coa frauta, obtendo o Primeiro Premio de Honor da súa cidade natal, San Sebastián. Con posterioridade perfecciónase en contrabaixo con grandes mestres. Con frecuencia ofrece recitais para contrabaixo só e con piano, sendo ademais impulsor da música contemporánea para o seu instrumento. Prepara habitualmente seccións de novas orquestras, ademais de impartir cursos e clases maxistrais por toda a península.

 

 

Máis información

 

http://www.eaem.es/gl/cursos/curso-de-contrabaixo-para-novos-interpretes-0