Restauradas as reixas de sete ventás do Mosteiro de San Paio de Antealtares

xoves, 16 Xaneiro, 2014

O Consorcio de Santiago promoveu a restauración das reixas de sete ventás da torre sueste do Mosteiro de San Paio de Antealtares. Os traballos, dirixidos polo arquitecto compostelán Iago Seara e adxudicados á empresa DICSA, estiveron coordinados pola Oficina Técnica do Consorcio. No seu desenvolvemento participaron ferreiros, canteiros, carpinteiros e restauradores. O orzamento global desta intervención ascendeu a 34.999,25 euros.

 

A torre, ao ser un dos elementos máis sobresaíntes do mosteiro e ao estar situada na parte sur, a máis batida polo vento, está máis exposta ás condicións ambientais e, en consecuencia, a posibles alteracións. Antes da intervención fíxose, de acordo cos servizos de protección do Patrimonio da Xunta de Galicia, unha primeira reixa de proba, o que permitiu establecer o protocolo xeral de actuación no enreixado. A partir desta experiencia realizouse a restauración destas sete reixas.

 

Antes da restauración as reixas presentaban problemas de oxidación debido ao efecto da humidade. Ademais, o aumento de volume que produce a oxidación, xunto coa disposición das garras de ancoraxe, rompeu as pedras nas que van encaixadas as reixas. As barras non estaban debidamente enchumbadas na pedra, polo que, unha vez retiradas as mesmas, observouse oxidación mesmo nas garras de suxeición introducidas no interior dos buratos na pedra.