A RFG celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de primaria e secundaria. O primeiro será o mércores 29, ás 11:00 horas; e o segundo o venres 31, tamén ás 11:00 horas. Ademais, o sábado 1 de febreiro, ás 18:30 horas, a orquestra ofrecerá o mesmo recital, nesta ocasión dirixido ao público en xeral, en particular ás familias. As tres citas terán lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.
A batuta destes concertos levaraa o director galego Diego García Rodríguez, que mantén unha colaboración habitual coa Real Filharmonía de Galicia. A oquestra interpretará a ópera O teléfono (ou O amor a tres), do compositor italo-estadounidense Gian Carlo Menotti (1911-2007), estreada no ano 1947. Trátase dunha divertida parodia que, a xeito de farsa, critica a carencia de comunicación nas relacións humanas.
A orquestra estará acompañada pola soprano de orixe cubana afincada en Galicia Indra Sesti e polo barítono galego Eliseu Mera. Pola súa parte, o actor e monologuista galego Avelino González participará como presentador.