O Consorcio e a Universidade de Santiago teñen asinado un convenio de cooperación para que os estudantes das titulacións que se imparten na Facultade de Xeografía e Historia realicen prácticas tuteladas nas dependencias deste organismo. Os alumnos do último curso dos diferentes graos deste centro universitario teñen a posibilidade de participar en proxectos que o Consorcio ten en marcha ou que están a piques de iniciarse. Trátase, en particular, de traballos que se desenvolven dende o Departamento de Estudos Históricos e Publicacións, destinados a avanzar no coñecemento da cidade histórica de Santiago.
Ao longo do mes de febreiro o Consorcio acollerá a catro alumnos, tres deles do Grao en Historia da Arte e un do Grao en Historia. A través desta iniciativa búscase que os futuros profesionais teñan a oportunidade de realizaren tarefas axeitadas ao seu nivel de formación. Esta experiencia permitiralles adquirir a metodoloxía de traballo adecuada á realidade profesional, xunto cunha serie de competencias técnicas, destrezas e habilidades enriquecedoras de cara á súa inserción no mundo laboral.
Un alumno do Grao en Historia implicarase nun proxecto no que se abordarán os conflitos sindicais, os movementos sociais e as protestas políticas que tiveron lugar en Santiago de Compostela dende a transición ata a actualidade.
Dous estudantes de Historia da Arte realizarán un inventario das chemineas dos edificios históricos de Santiago. Centrarán o seu traballo nas máis emblemáticas do casco vello. Para iso apoiaranse en fotografías antigas e revisarán aquelas que xa desapareceron ou se someteron a algún tipo de modificación.
Pola súa parte, outro estudante de Historia da Arte levará a cabo unha investigación sobre os proxectos arquitectónicos que se realizaron en Santiago pero que nunca chegaron a executarse, é dicir, sobre o Santiago proxectado e non construído. Centrarase nos últimos anos do século XIX e principios do XX, para o que terá que recompilar planos e información diversa, que finalmente se concretará nunha exposición que reunirá todos estes proxectos.