A prestixiosa violinista alemá Carolin Widmann imparte clases na EAEM

mércores, 11 Decembro, 2013

A recoñecida violinista alemá Carolin Widmann imparte varias clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais. Os músicos galegos interesados poderán participar nesta experiencia en calidade de oíntes.

 

As clases celebraranse o martes 11 de febreiro, de 18:00 a 20:00 horas, e o xoves 13, de 11:00 a 14:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións como oíntes poderán matricularse ata o mesmo día de inicio das mesmas, para as que non hai límite de prazas, a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. O mesmo xoves, a violinista actuará como solista coa Real Filharmonía de Galicia.

 

Carolin Widmann toca con orquestras de todo o mundo

 

Carolin Widmann naceu na cidade alemá de Munich. Ten actuado como solista coas orquestras máis prestixiosas de Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia, Suíza, Dinamarca, República Checa ou Austria, entre outras moitas. Ten colaborado con agrupacións musicais de todo o mundo, mesmo en China, baixo a batuta dos mellores directores. En 2013 foi elixida “Artista do Ano” nos Premios Internacionais de Música Clásica.

 

En 2006 o seu CD "Reflexións I" foi nominado aos “Critics Choice” pola Asociación de Críticos Musicais de Alemaña. É unha entusiasta da música de cámara e é a Directora Artística do festival de música de cámara máis antigo de Alemaña. Aparece con regularidade como artista convidada en festivais moi coñecidos en toda Europa.

 

A violinista compaxina o seu traballo como solista coa súa paixón pola docencia. É profesora de violín na facultade Felix Mendelssohn-Bartholdy Musikhochschule de Leipzig e imparte clases por todo o mundo. Toca un violín G.B. Guadagnini do ano 1782.