Vigo acolle a presentación da obra poética de Aurelio Aguirre

luns, 17 Marzo, 2014

A Casa Galega da Cultura en Vigo acolle a presentación da obra definitiva do poeta compostelán Aurelio Aguirre (Santiago, 1833 – A Coruña, 1858), que reúne 133 poemas, máis de 80 son inéditos, nun libro titulado Recuerdos de agosto. Obra poética, 1850-1858. Está editado de maneira conxunta polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora. O acto, presentado polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, contará coa asistencia da xerente do Consorcio de Santiago, María Antón; e do director da editorial, Henrique Alvarellos; xunto cos autores da publicación.  Será o mércores 19 de marzo ás 19:30 horas.

 

Trátase dunha edición crítica con introdución e notas a cargo da profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González e un estudo histórico do filólogo da Universidade de Vigo Xurxo Martínez González, que inclúe imaxes de manuscritos do propio Aguirre. Algunhas composicións foron escritas en Vigo durante un agosto que pasou na cidade o autor, de aí o título.