“Arquitectos en Ruta” visitan a Casa do Cabido e o Museo das Peregrinacións

domingo, 23 Marzo, 2014

Membros da rede galega “Arquitectos en Ruta” realizarán un tour especializado en rehabilitación en madeira, mañá martes 25, o mércores 26 e o xoves 27, polos edificios da Casa do Cabido e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, cuxas obras de rehabilitación foron promovidas pola Oficina Técnica do Consorcio de Santiago. Estas visitas guiadas celebraranse pola tarde e contarán coa participación de 80 arquitectos e deseñadores de interiores chegados de diversas partes de España e Portugal (en grupos de 25-30 persoas en cada xornada). Trátase dunha actividade que forma parte dunhas xornadas de solucións en madeira, organizadas pola empresa Finsa.

 

Os edificios que se visitarán son exemplos representativos dunha rehabilitación en madeira de calidade. Segundo explica unha das integrantes da rede, a arquitecta Cristina Ansede, “a Casa do Cabido é un magnífico exemplo das posibilidades da rehabilitación de espazos con madeira, e o Museo das Peregrinacións, proxecto do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, é un exemplo de intervención de nova arquitectura en centros históricos cun enfoque radicalmente diferente ao anterior, no que tamén se emprega a madeira como material de revestimentos interiores”.

 

Os arquitectos Cristina Ansede, Alberto Quintáns e Camino Vilanova conforman a rede galega “Arquitectos en Ruta”, en marcha dende este mes de marzo, para organizar visitas guiadas a medida de arquitectura e urbanismo en Galicia. “Arquitectos en Ruta” está inscrita dentro da rede de guías de arquitectura Guiding Architects. Esta agrupación internacional está composta por estudios de arquitectura en activo que dirixen tours especializados en arquitectura das súas cidades ou rexións para grupos de arquitectos europeos e doutros países a nivel internacional.