Visita da Asociación Española de Promotores Públicos de Vivenda e Solo

xoves, 27 Marzo, 2014

A Asociación Española de Promotores Públicos de Vivenda e Solo celebra esta semana no IGVS (Instituto Galego da Vivenda e Solo), membro do organismo, a súa asemblea. Aproveitando a súa estadía en Santiago, os membros da asociación asistiron esta mañá a un encontro con representantes da Oficina Técnica do Consorcio, na Confederación de Empresarios de Galicia. O arquitecto Ángel Panero explicoulles os traballos que desenvolve o Consorcio no eido da rehabilitación urbana na cidade histórica de Santiago.

 

Na súa intervención Panero salientou que os procesos de rehabilitación non deben limitarse só á rehabilitación. “Non poden centrarse unicamente na recuperación do patrimonio, senón que necesitan ser impulsados dende políticas de vivenda, de fomento do emprego, de formación e de eficiencia enerxética” -sinalou-.

 

O arquitecto realizou unha visita guiada cos membros da Asociación por tres exemplos emblemáticos de rehabilitación promovida polo Consorcio. Visitaron a Casa do Cabido, na Prasa das Praterías, onde se recuperou un edificio barroco para transformalo en sede de exposicións. Tal como explican os técnicos do Consorcio , “foi unha rehabilitación sostible, o que fixo desta intervención un exemplo para outras actuacións. Así, reutilizáronse elementos construtivos existentes, xunto con materiais con baixo custo enerxético de fabricación e transporte”.

 

Por outro lado, o grupo visitou unha vivenda rehabilitada polo Consorcio na Rúa Nova. E, por último, achegáronse á Rúa do Medio para coñecer o traballo realizado nun dos edificios pertencentes ao programa de edificios tutelados polo Consorcio. Este programa permite rehabilitar edificios en desuso para a súa posterior explotación en réxime de alugueiro por parte do Concello; transcorrido un mínimo de doce anos o propietario recupera o edificio libre de cargas.