O Consorcio e a USC editan o primeiro libro sobre o labor restaurador do arquitecto Pons Sorolla en Santiago

luns, 21 Abril, 2014

O Consorcio e a Universidade de Santiago presentan Francisco Pons Sorolla. Arquitectura y restauración en Compostela (1945-1985), obra da historiadora Belén Castro Fernández, baseada na súa tese de doutoramento. O acto celebrarase mañá martes, 15 de abril, ás 19 horas, no  Museo das Peregrinacións e de Santiago (sé da praza das Praterías), coa asistencia do alcalde compostelán, Ángel Currás, o vicerreitor de Estudantes da USC, Francisco Durán, a xerente do Consorcio, María Antón, e a propia autora.

 

A obra analiza os distintos enfoques e mecanismos de activación patrimonial que experimenta a urbe entre os anos 40 e 80 baixo as condicións metodolóxicas aplicadas polo daquela arquitecto conservador da cidade histórica, Francisco Pons Sorolla (Madrid, 1917-2011). Nas súas 300 páxinas, plagadas de fotos documentais máis oito planos despregables, fálase da intervención nunha trintena de edificios monumentais, entre eles, a catedral, os pazos de Xelmírez e Raxoi, os hoteis Compostela e Reis Católicos, os mosteiros de San Paio e San Martiño Pinario, o antigo hospital de San Roque, ou as igrexas de Sar e Conxo.

 

Belén Castro defende que Pons Sorolla é unha “figura fundamental” na revitalización da cidade a mediados do século XX, “momento en que se toma conciencia da súa dimensión universal ligada ao Camiño Xacobeo, no que se define a súa vocación turística e no que se recrea boa parte do seu conxunto monumental”, segundo precisa a profesora. “A nivel conceptual, a estimación estética que Pons Sorolla fai das fachadas anticipa a práctica arquitectónica do fachadismo. Aposta pola liberalización de estruturas, a reintegración de perfís e a unidade de estilo, tres pautas no seu concepto, pero non no seu procedemento. A nivel técnico, destaca o emprego masivo de formigón armado, derivando en solucións pouco reversibles e de forte impacto morfolóxico sobre a evolución das arquitecturas intervidas. Este criterio superouse ante medidas menos dañinas para os monumentos”.

 

Castro explica que o libro, o primeiro que se fai sobre o labor de Pons Sorolla en Santiago, aporta as claves para interpretar a Compostela actual. “Por isto resulta decisivo difundir os criterios, materiais e procedementos empregados polo arquitecto para detectar problemas técnicos e de conservación derivados das súas intervencións, identificar os falsos históricos e historiográficos, ao tempo que realizar críticas de autenticidade”, segundo agrega. A historiadora ve a Compostela como un só monumento: “Desde a miña óptica da restauración monumental, vin sempre a Compostela como un puzzle de sabor xacobeo no que cada peza é clave para entender o resto”.

 

Belén Castro, doutora en Arte e máster en Patoloxía e Restauración Arquitectónicas

 

Belén María Castro Fernández é doutora en Historia da Arte e licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Cursou o Máster en Patoloxía e Restauración Arquitectónicas na Universidade da Coruña. Foi profesora en diversas institucións académicas, e desde 2004 é profesora de Historia e Teoría da Arquitectura na Escola de Arquitectura CESUGA da Coruña. Colabora no Grupo de Investigación de Análise Territorial (ANTE) da Universidade de Santiago de Compostela. As súas liñas de traballo son a conservación e a protección do patrimonio histórico-artístico, o Camiño de Santiago, o turismo cultural, a historia e teoría da arquitectura e do urbanismo, e os centros históricos. Entre as súas publicacións podemos destacar El redescubrimiento del Camino de Santiago por Francisco Pons Sorolla (2010).