O Consorcio avanza na redacción do Plan Especial do Camiño de Santiago

luns, 5 Maio, 2014

O Concello de Santiago fixo unha encomenda de xestión ao Consorcio para a realización do Plan Especial do Camiño de Santiago no termo municipal de Santiago de Compostela. O documento de inicio entregarase a vindeira semana ao Concello para o seu estudo e reenvío á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

 

Tal como manifesta a alcalde e presidente do do Consorcio, Ángel Currás, “o Plan Especial do Camiño de Santiago é un documento de extrema importancia para poñer en valor o tramo final da ruta Xacobea co horizonte do Ano Santo de 2021”.

 

O Laboratorio da Enerxía, a partir de setembro

 

O Consorcio de Santiago está a participar en dous proxectos europeos sobre eficiencia enerxética. Este tema será un dos eixos de actividade principal do Consorcio no curto e medio prazo, coa previsión de abrir a partir do mes de setembro deste ano un Laboratorio da Enerxía, onde a Oficina Técnica do Consorcio prestará asesoramento a todos aqueles particulares que pretendan realizar actuacións no campo da eficiencia enerxética de cara a mellorar o comportamento medioambiental das súas vivendas.

 

O obxectivo desta actuación é, en primeiro lugar, incrementar a habitabilidade e funcionalidade do parque construído no caso histórico principalmente, ao tempo que se reducen os custos. E, ademais, reducir a pegada ecolóxica de emisións de dióxido de carbono á atmosfera de cara ao cumprimento das premisas comunitarias en 2020.

 

Exposición sobre a obra de Miguelanxo Prado

 

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá no último semestre deste ano unha grande exposición sobre a obra do debuxante Miguelanxo Prado. Trátase da primeira mostra antolóxica que se realiza en Galicia sobre a figura deste ilustrador polifacético, recentemente galardoado co Premio Nacional do Cómic en 2013 pola súa obra Ardalén. Está prevista a súa inauguración en xullo e permanecerá ata finais de ano. Ademais, organizaranse outras actividades paralelas á mostra.

 

“Nesta exposición poderase ver a obra de madurez dun galego coruñés que sempre representou a Santiago nas súas obras. A Catedral, a Praza do Obradoiro, a tuna… son recursos que podemos atopar nas obras de Miguelanxo, quen está a preparar na actualidade unha guía ilustrada sobre a cidade” -sinala Ángel Currás-.

 

Santiago veu medrar a traxectoria de Miguelanxo Prado dende a súa participación na creación da revista Xofre ata a produción da serie de animación en 2D Os vixilantes do Camiño realizada pola Televisión de Galicia en 1999 e que se inspira no Camiño de Santiago e protagonizan os protagonistas de Xabarín Club.

 

“O prestixio e recoñecemento internacional de Miguelanxo Prado estano a levar a peregrinar por todo o mundo coa súa arte. É o autor galego máis traducido, a un total de  17 idiomas, entre eles o finés. E nada mellor que Museo das Peregrinacións e de Santiago para acoller esta mostra, que porá o broche de ouro á programación anual de exposicións no museo” -salienta o alcalde de Santiago-.