O Consorcio de Santiago colabora con “Música en Compostela”, o curso universitario internacional de música española que se celebra cada ano en Santiago e que xa vai pola súa edición número 57. Centrado na información e interpretación da música española, terá lugar entre o 3 e o 16 de agosto.
No marco desta iniciativa ofrécense cursos de canto, guitarra, musicoloxía, órgano, piano, polifonía, sinfonismo e música actual, viola e música de cámara, violín e violoncello. As clases impártenas docentes de gran prestixio como o guitarrista José Luis Rodrigo, o compositor aragonés Antón García Abril ou o director compostelán Maximino Zumalave, entre outros moitos.
Os alumnos poden gozar dunha bolsa que inclúe aloxamento e manutención gratuíta na Residencia Universitaria “Burgo das Nacións”
“Música en Compostela” diríxese a músicos de calquera nacionalidade que posúan un alto e recoñecido nivel técnico. Os alumnos teñen a posibilidade de acceder a unha bolsa, que inclúe aloxamento e manutención gratuíta na Residencia Universitaria “Burgo das Nacións” da Universidade de Santiago durante todo o período lectivo. Os candidatos que, por motivos curriculares, non fosen admitidos, poderán asistir como oíntes.
O 31 de maio remata o prazo de inscrición. Os interesados deberán enviar antes desta data a folla de inscrición, xunto co seu currículo, fotocopia do DNI ou pasaporte, dúas fotografías tamaño carné e todos aqueles documentos que acrediten a súa formación musical. Toda a documentación enviarase por mail a secretaria@musicaencompostela.es ou por correo postal á Secretaría Xeral de Música en Compostela (Avenida das Ciencias, chalet 2. Campus Universitario Sur. 15706 Santiago de Compostela).
Ademais dos cursos, dentro deste proxecto ofrécense concertos, conferencias, presentación de novas publicacións, edición de libros e partituras e visitas culturais. Ao remate do curso, celébranse concertos interpretados polos alumnos participantes.
O proxecto creouse para que a música española tivese un lugar máis destacado en salas de concertos e conservatorios de todo o mundo
“Música en Compostela” celébrase dende o ano 1958. Creouse por iniciativa do maestro Andrés Segovia, apoiado polo diplomático José Miguel Ruíz Morales, entón director xeral de Relacións Culturais no Ministerio de Asuntos Exteriores. Ambos crían firmemente que a música española merecía un lugar máis destacado nas salas de concertos e conservatorios de música de todo o mundo.
Dende a súa fundación, os cursos viñéronse celebrando todos os veráns en Santiago de Compostela, mantendo a súa finalidade de informar, interpretar e cultivar a música española. En cada edición matricúlanse máis de cen alumnos procedentes dunha vintena de países diversos. Polas súas aulas pasaron ao longo destes anos os mestres máis prestixiosos e alumnos tan ilustres como a soprano catalá Montserrat Caballé ou o director de orquestra Jesús López Cobos.
Nesta iniciativa colaboran, ademais do Consorcio de Santiago, o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música, a Universidade de Santiago, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Fundación Barrié, a Fundación Victoria e Joaquín Rodrigo, a empresa Televés e a Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes de España.
Máis información