Exposición na Casa do Cabido con obras de debuxantes e ilustradores que retratan Santiago nas súas creacións

xoves, 10 Xullo, 2014

O Consorcio de Santiago e “El Patito Editorial” inauguraron a exposición “Santiago Cidade Ilustrada” na Casa do Cabido. A mostra reúne máis de 60 obras de distintos ilustradores españoles e estranxeiros que retrataron a cidade de Santiago de Compostela nas súas creacións. Ao acto de presentación asistiron a concelleira de Cultura, María Antón; os comisarios da exposición, Gemma Sesar e Fausto Isorna; xunto con varios ilustradores cuxas obras se exhiben neste proxecto.  

 

A través desta iniciativa preténdese reflectir o protagonismo que a cidade de Santiago foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil e o cómic durante os últimos anos. O conxunto destes debuxos e ilustracións son unha parte moi representativa de todo o material gráfico que existe na actualidade neste eido vencellado a Compostela.

 

Tal como explica a comisaria da exposición, Gemma Sesar, “Santiago, as súas rúas e edificios teñen sido, ao longo dos anos, obxecto e modelo para unha extensa producción artística”. Os organizadores da mostra resaltan que “sería case imposible facer un reconto das veces que a nosa cidade ten sido plasmada en lenzo ou sobre papel”. Así, Santiago Cidade Ilustrada pretende mostrar a riqueza das interpretacións de distintos artistas, en particular en tres campos tan actuais como son a literatura infantil e xuvenil, o caderno de viaxes e a historieta.

 

Segundo salientan os impulsores desta iniciativa, nesta exposición “a cidade de Santiago de Compostela une os dous significados que abrangue o termo ilustración. Por un lado, a de inspiradora e modelo de imaxes gráficas, de ilustracións. E, pola outra, a de xeradora de cultura, de ser en si mesma culta e ilustrada”.

 

Batman, Hellboy e os X-Men

 

No marco da exposición destaca un espazo centrado en autores norteamericanos que nas súas páxinas para cómic ilustraron lugares significativos da cidade de Santiago de Compostela. É o caso dos debuxantes de personaxes tan populares como Batman, que aparece xunto á Catedral; Hellboy, diante do Pórtico da Gloria; ou os X-Men, onde nunha escena das súas trepidantes aventuras xorde a Catedral de Santiago en medio dos elevados edificios neoiorquinos.

 

Valle-Inclán e as Marías

 

Unha parte da exposición está dedicada a todos os libros ilustrados relacionados con Compostela que integran a biblioteca infantil e xuvenil do Consorcio de Santiago. Con esta colección preténdese achegar a historia da cidade dun xeito ameno aos máis pequenos e aos xoves.

 

Por outro lado, dentro da mostra exhíbese unha réplica da figura de Valle-Inclán e outra das Marías que están na Alameda compostelá. “É un xeito de ilustrar a cidade a través destas imaxes tan características” -sinalan os organizadores-. No caso das Marías, aparecen tamén ilustradas nalgunha publicación infantil.

 

A exposición poderá visitarse ata o mes de outubro; de martes a sábado, polas mañás de 10.00 a 14.00 horas e polas tardes de 17.00 a 21.00 horas. Os domingos a Casa do Cabido abre de 11.00 a 14.00 horas e os luns permanece pechada.