O 3 de outubro, xornada de portas abertas na igrexa de Santa Clara para coñecer as monteas

mércores, 1 Outubro, 2014

O Consorcio de Santiago descubriu uns debuxos do século XVIII gravados no pavimento da igrexa do Convento de Santa Clara cando se estaba a iniciar a restauración da tarima de madeira que cobre o chan do templo. Debaixo da tarima apareceu o pavimento de pedra granítica completamente cuberto por monteas. Son debuxos a tamaño natural realizados pola cuadrilla que no seu día traballou na construción do edificio e que servían como guía aos canteiros á hora de tallar cada pedra. Este descubrimento está a espertar o interese de especialistas de diferentes partes do mundo, por ser a primeira vez que aparece un conxunto de monteas tan completo, converténdose no mellor do barroco en Europa.

 

Un equipo de expertos en monteas está a estudar este achado. Está formado polo profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago Miguel Taín Guzmán, especializado en Historia da Arquitectura, en particular do barroco; e José Calvo López, profesor de Xeometría Descritiva e de Historia da Construción da Universidade Politécnica de Cartaxena. Ambos levan unha década colaborando xuntos no estudo das monteas aparecidas tanto en Galicia como no resto de España. 

 

Os avances das investigacións daranse a coñecer o 3 de outubro, ás 20:00 horas, na propia igrexa de Santa Clara. Os dous expertos ofrecerán unha charla divulgativa e acompañarán, xunto con técnicos do Consorcio, aos asistentes nun percorrido para ver as monteas in situ unha a unha. “Trátase de que os cidadáns teñan a oportunidade de coñecer o patrimonio e a historia de Compostela, que é riquísimo e non deixa de darnos sorpresas” -indican-.

 

Estes debuxos permitían calcular o tamaño e a forma exacta de cada pedra

 

Tal como explican os profesores e os técnicos do Consorcio, o arquitecto elaboraba un plano mestre nun papel que presentaba ao cliente, neste caso a comunidade de Santa Clara. Logo o aparellador trasladaba a moldes e monteas esta traza mestra, de xeito que os canteiros tallaban a pedra seguindo eses debuxos, que se realizaban sempre nunha zona próxima á obra. “Para construír a portería do convento tiveron que facer un gran foxo, o que obrigaría a paralizar o culto na igrexa, situación que proporcionaría aos canteiros un lugar para traballar con comodidade protexidos do frío e da chuvia”                  -apuntan-. Deste xeito, empregouse o chan da igrexa como unha gran “pizarra” para realizar debuxos xeométricos e poder obter así o tamaño e a forma de cada pedra. 

 

As monteas máis frecuentes corresponden a soportes, arcos e bóvedas, en especial cando as súas dimensións son importantes. “Isto débese a que tanto os elementos que conforman unha columna ou unha pilastra como as dovelas dun arco ou un abovedamento teñen distintas formas e o seu tamaño e proporción teñen que ser rigorosamente os que lles corresponde. Do contrario resultarían irregularidades e deformacións que afectarían ao aspecto, simetría e beleza da obra, así como tamén á súa seguridade e solidez” -sinalan-.  

 

O valor destas monteas

 

O interese deste conxunto de monteas achado en Santa Clara radica en que é o único desta magnitude e calidade en España e mesmo en Europa. Boa parte da fachada da portería do convento está debuxada no pavimento da igrexa. Destaca o caso particular dalgún dos arcos, moi difíciles de construír. “O máis sorprendente é o arco esviado da porta de entrada, xa que cada pedra ten un tamaño e unha forma diferente, polo que os canteiros debían saber como tallar cada unha das dovelas. A partir destes debuxos a tamaño real debían extraer as medidas exactas para que o arco saíra perfecto” -explican-.

 

Tamén impresiona a montea de toda a decoración do frontón que remata a fachada -do que foi debuxada a metade-, formada por placas xeométricas con formas diversas, volutas, molduras, sartas de froitas e mesmo o escudo de San Francisco na parte central. Esta parte alta do edificio foi difícil de construír porque sobresae cara a fóra e, ademais, ten moita decoración, non é unha parede lisa, o que representa unha gran complicación á hora de tallar as pedras. “Cada pedra é diferente, cunha talla diferente, de aí a necesidade de contar cun patrón a tamaño real” -remarcan os profesores-.

 

Segundo os expertos, estes debuxos datan da década de 1720 e fixéronse baixo a dirección de Simón Rodríguez, famoso arquitecto compostelán formado na Catedral e considerado o mellor arquitecto galego do barroco do século XVIII.

 

Os investigadores contan co asesoramento de expertos internacionais 

 

En primeiro lugar os investigadores fotografaron con detalle cada debuxo feito en cada pedra para ter documentado todo o conxunto. O seguinte paso é plasmalos en papel e comparalos co edificio construído e con debuxos similares dos libros de estereotomía (cortes de cantería) da época para identificar o destino de cada un. O equipo que está a realizar o estudo, do que forman parte os técnicos da Oficina Técnica do Consorcio, conta ademais co asesoramento dunha rede de expertos internacionais.