O 29 preséntase un libro do Consorcio e Alvarellos Editora que recolle cartas inéditas de Maside

venres, 10 Xullo, 2015

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar “Correspondencia (1928-1958). Cartas inéditas e dispersas. Carlos Maside”. A vindeira semana presentarase na Fundación Gonzalo Torrente Ballester nun acto aberto ao público, previsto para o mércores 29 ás 19:00 horas.

 

Á presentación do libro asistirá o alcalde da cidade, Martiño Noriega; a catedrática de Historia María Esther Rodríguez, que reuniu e transcribiu toda a correspondencia que se recolle na publicación; o catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío, coordinador da edición; xunto coa xerente do Consorcio, Belén Hernández; e o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.

 

Carlos Maside (Pontecesures 1897-Santiago 1958) mantivo, durante toda a súa vida, unha rica e continuada relación epistolar con boa parte da intelectualidade galega do seu tempo, a do exilio e tamén a do chamado “exilio interior”, como era o seu caso. O volume reúne 179 cartas do pintor, case todas inéditas, dende 1928 ata 1958. Están moi marcadas pola Guerra Civil e a longa represión posterior. “Iluminan un período de trinta anos de relación entre amigos e personalidades nacidas arredor de 1900. Na súa lectura quedan reflectidas non só situacións conxunturais moi relevantes, senón tamén a forma de afrontalas e a evolución persoal dos seus protagonistas a medida que cambian as condicións circundantes” -sinala Mª Esther Rodríguez-. 

 

A publicación reúne cartas a Luís Seoane, Castelao, Federico García Lorca, Bal y Gay, Otero Pedrayo, Isaac Díaz Pardo, Cunqueiro, Paz Andrade, Fernández del Riego, Laxeiro, Manuel María, Ánxel Fole… Recóllese a correspondencia de ida, e moitas veces tamén a de volta, entre a que destaca o fecundo e prolongado intercambio epistolar con Luís Seoane. 

 

O volume complétase coa incorporación de fotografías, ilustracións e manuscritos que nunca antes viran a luz. Parte deste material inédito procede do arquivo dos herdeiros do autor. As cartas orixinais estaban manuscritas e nalgúns casos mecanografadas.