Adxudícase o remate das obras do Centro de Formación en Rehabilitación

venres, 31 Xullo, 2015

O Consorcio de Santiago adxudicou o remate das obras do que será o primeiro Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación que existirá en Península Ibérica, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela. A empresa TRYCSA, Técnicas para la Restauración y Construcciones, S.A. encargarase da intervención, cun orzamento de 1.008.644,89 euros.

 

O contrato coa empresa adxudicataria asinouse esta mañá, tralo cal se celebrou a primeira xuntanza de coordinación entre a dirección da obra, que exercerá persoal da Oficina Técnica do Consorcio, e o equipo técnico da empresa adxudicataria. As obras comezarán no prazo dun mes e o período de execución das mesmas estímase en oito meses, polo que deberían estar rematadas en maio de 2016. 

 

O centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago (que ademais elaborou o proxecto), e conta co apoio do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Será pioneiro en todo o territorio nacional, xa que se destinará de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción. Está considerado polos especialistas como unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento de políticas activas de formación e emprego no sector da construción.

 

Por outro lado, tal como indica o arquitecto do Consorcio Ángel Panero, “o centro contribuirá a dinamizar a transformación que está a vivir o sector, en particular no relativo á modernización de estruturas empresariais. Favorecerá a creación de pequenas e medianas empresas especializadas nesa área de negocio do sector da construción, en grande expansión e potencialmente xeradora de emprego cualificado e estable”.

 

O centro estará plenamente operativo en 2016

 

Ademais da construción, xa rematada, de novas edificacións destinadas a obradoiros, nunha primeira fase rehabilitáronsealgunhas das edificacións da antiga fábrica de curtidos, e colocouse a cuberta a todas para garantir a conservación do conxunto. Mentres que as novas edificacións foron financiadas pola Fundación Laboral da Construción co apoio da Xunta de Galicia, o Consorcio financiou a primeira fase da rehabilitación das edificacións existentes. Agora, co obxectivo de que o centro sexa operativo na maior brevidade, iníciase a execución da segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes; que se destinarán a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo. A intervención centrarase no seu acondicionamento interior.  

 

A Fundación Laboral da Construción comprometeuse no convenio suscrito co Consorcio de Santiago a acometer os traballos pendentes de urbanización e equipamiento do centro antes de que acaben as obras, co obxecto de que poida estar plenamente operativo durante 2016. Na actualidade a Fundación está a desenvolver o programa formativo e a estrutura de funcionamento do centro.