Exposición de postais antigas de Santiago na Casa do Cabido

mércores, 18 Novembro, 2015

Baixo o título “Unha ollada ao pasado”, o Consorcio de Santiago, en colaboración co Museo do Pobo Galego, promove unha exposición de postais antigas da cidade do coleccionista compostelán Uxío de la Riva Pol, que as deposita no Museo do Pobo Galego en 1988. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías. No seu conxunto son máis dun milleiro de postais, das cales se seleccionaron unhas 270.

 

“A mostra permite facer unha viaxe ao pasado, a aquela outra Compostela quizais máis pausada, máis entrañable… diferente á actual” -sinalan dende o Consorcio-. Abrangue dende os primeiros anos do século XX ata os anos 50-60. Nela pódense contemplar imaxes que aínda perduran na retina de moitos composteláns. A estatua de Montero Ríos na praza do Obradoiro, a de Ventura Figueroa fronte ao colexio de San Clemente (hoxe Instituto Rosalía de Castro), o desaparecido cuartel de Santa Isabel, a praza da Quintana arborizada, o edificio Castromil na praza de Galicia, o desaparecido sanatorio Baltar, as rúas ausentes de escaleiras ou a Exposición Rexional Galega de 1909 son algunhas das imaxes que se poden ver dunha cidade na que o pulso e o ritmo eran outros. Algunhas das postais máis destacadas van acompañadas de textos nas que se fan indicacións precisas sobre as mesmas.

 

Este ano, neste mes de novembro, cúmprense dez anos da morte de Uxío de la Riva, polo que se decidiu renderlle esta pequena homenaxe a través da súa colección, como agradecemento ao seu interese pola cidade.

 

A Uxío de la Riva, que tivo catro alcaldes composteláns na súa familia, gustáballe presumir de cidade

 

Uxío de la Riva Pol (Santiago de Compostela 1936-2005), naceu o 14 de setembro de 1936 na casa número 2 da rúa Nova. Fillo de Santiago de la Riva Barba e de Flora Pol Sánchez-Villamarín, foi o cuarto de cinco irmáns. Por parte paterna, a súa familia establécese en Santiago no século XVIII, procedente da localidade rioxana de Ortigosa de Cameros. Entre as familias de la Riva e Pol houbo catro alcaldes de Compostela; familias que chegaron a rexer a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Caixa de Aforros e Monte de Piedade ou o Círculo Mercantil e Industrial.

 

Gran parte da súa actividade profesional desenvolveuna na Caixa de Aforros de Santiago. Ocupou cargos en varias agrupacións e asociacións da cidade como Cantigas e Agarimos ou o Casino. Formou parte da tuna compostelá, conservando a súa capa durante moitos anos como un tesouro persoal, e ata chegou a colaborar como extra nunha versión da película "La casa de la Troya".

 

A Uxío sempre lle gustou presumir da súa cidade e de ser compostelán, identidade que levaba con grande orgullo. Por todo isto non é de estrañar que se dedicase con entusiasmo a gardar a memoria da súa entrañable Compostela, a través da colección de tarxetas postais. Iniciou esta actividade sendo moi novo, cando descobre na casa dos seus pais uns exemplares moi antigos, o que o levou a atesourar máis dun milleiro unicamente da cidade de Santiago e que depositou no Museo do Pobo Galego no ano 1988.

 

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido ata febreiro de 2016

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata mediados do mes de febreiro do vindeiro ano. Poderá visitarse no horario habitual, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.