Finalizan as obras no Auditorio de Galicia

luns, 23 Novembro, 2015

O Consorcio de Santiago realizou obras no Auditorio de Galicia co fin de eliminar as humidades nas cubertas dos corpos que conforman a sala de exposicións, a cociña e a cafetería do inmoble. Os traballos, destinados a garantir a estanquidade do edificio, levounos a cabo a empresa Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L., cun orzamento global de 66.550 euros. 

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, sinala que “a entrada da auga da choiva a través das fachadas de pedra e das cubertas do Auditorio de Galicia é un problema xeral do edificio”. Estas obras centráronse en particular en atallar a entrada de pluviais nas zonas da cociña, na barra da cafetería e na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo; posto que “a situación era tan aguda que impedía o normal funcionamento das instalacións” -indica a arquitecta-. 

 

A sala de exposicións 

 

Na sala de exposicións urxía atallar as causas das humidades do teito e as múltiples pingueiras. A cuberta que recobre esta zona non se encontraba en bo estado de conservación. Ademais, o babeiro metálico de protección estaba descolgado e as xuntas do recubrimento pétreo da fachada estaban moi abertas e, nalgún caso, descolgadas as lousas, sendo o conxunto a causa das filtracións de auga da choiva.

 

A cociña e a cafetería

 

Na cociña os problemas de humidades localizábanse no falso teito, en especial na zona do muro e na ventá, de xeito que se despegaban parte dos azulexos das paredes. Así, no interior da cociña retirouse o falso teito afectado, así como os condutos de climatización, a iluminación ambiente e de emerxencia e os detectores de incendio. 

 

No caso da cafetería, as filtracións de auga producíanse tamén no teito. O falso teito nesta zona de intervención está formado por unhas lamas horizontais que se limparon e repararon, ao tempo que se engadiu tamén un illamento térmico.