O Consorcio de Santiago está a intervir na igrexa do convento de Santa Clara, afectada pola entrada da auga da chuvia e por unha alta humidade no seu interior, circunstancia moi negativa para os bens de alto valor que posúe, entre eles os retablos e un magnífico órgano barroco. As obras estanse a centrar nas revocaduras do inmoble, nas cubertas e no patio de acceso á igrexa.
A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Idoia Camiruaga. Sinala que “xa se amañou o tellado e colocáronse novos canlóns e baixantes, que non tiña, de xeito que a auga da choiva do tellado empapaba o terreo aos pés do muro, unha das causas da humidade interior”.
Estanse a aplicar novas revocaduras
“As revocaduras que se aplicaron en obras anteriores estaban moi gretadas, desprendidas do soporte e non eran garantía nin protección dos muros” -indica Camiruaga-. Polas fisuras e gretas entraba moita auga de escorrentía, que ten máis problemas en saír, polo que se ía acumulando nas partes baixas do muro sur da nave e do transepto sur. Así, elimináronse xa as vellas revocaduras exteriores e tratáronse con biocida as zonas onde estaban arraigadas as plantas superiores (silvas e liques). Agora estanse a aplicar novas revocaduras para, finalmente, pintar os muros con pintura mineral.
Modificaranse as fiestras para aumentar a ventilación da igrexa
O xardín de acceso á igrexa ten unha pendente que dirixe a auga da choiva contra o templo, que non posúe ningunha canle de recollida das augas, polo que as absorbe cara ao interior das fábricas. Ante esta situación, remodelarase o recheo do xardín, ao tempo que se trazará unha rede de recollida das augas pluviais para conducilas lonxe dos muros.
Por outro lado, entre os muros do presbiterio e do transepto sur hai un pequeno patio pechado sen acceso, que non ten posibilidade de mantemento salvo mediante o uso de estadas ou grandes escaleiras. Este espazo non conta cunha saída da auga da choiva, que vai cara ás fábricas, de maneira que se intervirá para reconducir as pluviais.
Ademais, prevese modificar lixeiramente as fiestras da nave para aumentar a ventilación da igrexa sen causar falta de confort aos usuarios.