O sábado 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. Con motivo desta conmemoración, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) ao longo da xornada, tanto adultos como ao público infantil e xuvenil.
Todos os exemplares que se porán a disposición dos visitantes están relacionados coa Literatura, a Arte e a Historia en Santiago. Pertencen ás diferentes bibliotecas do Consorcio. Así, o organismo posúe un total de seis coleccións diferenciadas: a biblioteca facsimiliar, a científica, a biblioteca de divulgación xacobea, a literaria, a biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil.
Os visitantes da Casa do Cabido terán ademais a oportunidade de facer un percorrido pola exposición “Airiños Aires, Rosalía”, que reúne 50 instantáneas coas que o fotógrafo galego Xurxo Lobato lle rende a súa particular homenaxe á ilustre poetisa. Son imaxes en branco e negro, acompañadas na súa maioría por fragmentos de poemas de Rosalía. Amosan os lugares máis relevantes da biografía da autora, xunto con aqueles que tan intensamente poetizou.
A Casa do Cabido abrirá o sábado no seu horario habitual, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 21:00 horas pola tarde.