Conclúen as obras na igrexa da Peregrina

venres, 22 Abril, 2016

O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras na igrexa da Peregrina, situada na parroquia homónima, a 6 quilómetros de Santiago, nun rueiro xunto á estrada que comunica a Ponte do Romaño co Val do Dubra. A intervención, centrada na limpeza e reparación da torre do campanario, era urxente debido á importante entrada de auga no campanario e no seu contorno. Os traballos tiveron un orzamento de 32.031,77 euros.

 

Este templo, de estilo barroco clasicista, dátase pola inscrición da fachada en 1795. O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Pablo Tomé, explica que se levou a cabo a limpeza da fachada exterior do campanario, ao tempo que se renovaron os rexuntados que estaban deteriorados co fin de impedir a entrada da auga no interior da fábrica. Tamén se limparon en profundidade as xuntas abertas que estaban invadidas por plantas e raíces, así como as gretas e fisuras para eliminar todo o material de aporte tanto do vento como das aves e demais colonizadores.

 

Por outro lado, aínda que o estado do tellado non era malo, o faldrón norte e o tellado da cúpula do cruceiro tiñan unha alta porcentaxe de tella rota, de xeito que se recolocaron as tellas e substituíronse boa parte delas. Así mesmo, renovouse a impermeabilización da cuberta da terraza do campanario. E reparáronse varias ventás que tiñan as partes inferiores en mal estado.

 

Renováronse os xugos das campás e substituíuse a claraboia

 

As dúas campás da igrexa, situadas na torre do campanario, dispoñían, cada unha delas, dun xugo en moi mal estado, de maneira que se procedeu á súa renovación. Ademais, as campás teñen un sistema automático de toque e nunha delas a percusión producíase pola cara exterior, o que vai en contra do correcto uso da campá e podía deteriorala; polo que se cambiou o sistema de percusión automático.

 

A torre ten unha terraza cunha claraboia pero a carpintería estaba en moi mal estado e foi obxecto de diferentes arranxos para impedir que entrase a auga. Recentemente foi revestida con poliéster e fibra de vidro, pero con iso non se conseguiu evitar a entrada de auga; polo que se substituíu por outra máis lixeira que ademais facilitará a ventilación e a saída á terraza das campás.