O Consorcio regalará libros a todos os visitantes da Casa do Cabido os días 17 e 18 de maio

martes, 10 Maio, 2016

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) ao longo da xornada, tanto adultos como ao público infantil e xuvenil.

 

E o mércores 18 conmemórase o Día Internacional dos Museos, polo que o organismo tamén obsequiará con libros do seu fondo editorial aos visitantes da Casa do Cabido. Trátase de exemplares relacionados coa Literatura, a Arte e a Historia en Santiago. Pertencen ás diferentes bibliotecas do Consorcio. Así, o organismo posúe un total de seis coleccións diferenciadas: a biblioteca facsimiliar, a científica, a biblioteca de divulgación xacobea, a literaria, a biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil.

 

Tanto o Día das Letras Galegas como o Día Internacional dos Museos, regalaranse libros aos visitantes da Casa do Cabido ata que se esgoten as existencias.

 

As persoas que se acheguen estes días á Casa do Cabido terán ademais a oportunidade de facer un percorrido pola exposición “Airiños Aires, Rosalía”, que reúne 50 instantáneas coas que o fotógrafo galego Xurxo Lobato lle rende a súa particular homenaxe á ilustre poetisa. Son imaxes en branco e negro, acompañadas na súa maioría por fragmentos de poemas de Rosalía. Amosan os lugares máis relevantes da biografía da autora, xunto con aqueles que poetizou.

 

A Casa do Cabido abrirá o martes 17 e o mércores 18 no seu horario habitual, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 21:00 horas pola tarde.