Baixo o título “Camilo Otero. Raíces de Compostela”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de pezas do polifacético artista compostelán, falecido en 2003. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías.
Tal como explica o comisario, David Ferreras, “a través desta mostra preténdese facer un percorrido pola riqueza da produción artística de Camilo Otero nas súas múltiples facetas e medios de expresión”. A maior parte do núcleo da exposición está conformada por esculturas de pequeno formato de fundición en bronce, con tiradas moi curtas, e en moitas ocasións probas de autor e pezas únicas.
Xunto aos bronces, tamén se exhiben esculturas en terracota, esculturas en madeira, gravados e pranchas para gravados. Os visitantes poderán contemplar ademais obras de técnica mixta sobre papel, óleos sobre lenzo, dous blocs orixinais e ata libros de artista inéditos pintados a man con bosquexos do autor.
O artista dedicouse tamén ao deseño de pezas de xoiería, en particular aneis, colgantes e colares, e ata fixo decorados para obras teatrais por encargo do seu amigo Fernando Arrabal. Na mostra destaca un impresionante xadrez de prata realizado en 1974.
Esta exposición ofrece unha visión global da obra de Camilo Otero a través de pezas representativas das múltiples canles de expresión que cultivaba este artista compostelán tan multidisciplinar. Así, ademais da variedade en técnicas e soportes, a mostra tamén goza dunha grande amplitude cronolóxica, xa que abrangue traballos dos anos 60, 70, 80 e 90 do pasado século.
Algunhas das pezas que se reúnen nesta exposición son préstamos de coleccionistas particulares e galerías de arte. E unha boa parte delas proceden do legado familiar do artista, xestionado polo seu sobriño Miguel Ángel Ulla Otero, que colabora con este proxecto expositivo.
Camilo Otero, de Santiago a París e de París a Santiago
Camilo Otero (Santiago, 1932-2003) é un dos creadores fundamentais da segunda metade do século XX en Galicia. Artista absolutamente global, traballou sen reservas os máis diversos soportes e procedementos. Iniciou a súa viaxe nos anos 50 coa primeira toma de contacto na Escola de Artes e Oficios de Santiago, onde regresaría unha e outra vez ata o final da súa vida. No camiño, revolucionou a escultura galega para sempre, cunha arte atemporal cargada de orixinalidade e forza que, dende París, expuxo en medio mundo.
A súa proposta rupturista coa arte anterior, aínda fortemente condicionado polo rexionalismo etnográfico de grandes mestres como Asorey ou Eiroa, encúmbrao en Galicia como xenio superador da excesiva forza da tradición e pioneiro da modernidade plástica compostelá. Na súa obra, ademais da estética, a temática é rica, variada e delirante, recorrendo á fina ironía ou á sentida homenaxe para tratar cuestións universais. A súa volta ao primitivo, á natureza e á sinxeleza na intervención directa sobre os múltiples materiais que moldeou consolidaranse como unha influencia fundamental para as xeracións de artistas do futuro.
A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido ata finais de setembro
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata finais do vindeiro mes de setembro. Poderá visitarse no horario habitual, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.