O Consorcio de Santiago participa no proxecto europeo FASUDIR, centrado en xerar unha ferramenta web que facilite a toma de decisións de cara a lograr a eficiencia enerxética dos edificios e barrios das cidades de Europa. Esta iniciativa púxose en marcha en 2013 e concluirá a finais deste ano. Está integrado por 11 socios de cinco países: España, Italia, Gran Bretaña, Hungría e Alemaña.
Entre os tres socios que participan por parte de España atópase o Consorcio de Santiago e a cidade compostelá intervén como caso de estudo, xunto con barrios de Frankfurt e Budapest. Esta tarde (18 de xullo), ás 16:30 horas na sede do Consorcio, presentarase a ferramenta aos axentes encargados de tomar decisións no eido na eficiencia enerxética, e para os que será de grande utilidade. É o caso de responsables políticos, colectivos vencellados ao ámbito da construción, ademais dos propietarios ou usuarios de edificios e vivendas. Permite escoller a estratexia de rehabilitación máis axeitada en cada situación dende o punto de vista enerxético, ambiental e socioeconómico.
A este encontro asistirán representantes do Concello de Santiago, Universidade de Santiago, Instituto Tecnolóxico de Galicia, Instituto Galego da Vivenda e Solo; ademais de usuarios finais como os colectivos de arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros industriais ou administradores de fincas.
A arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto, Idoia Camiruaga, explica que “a finalidade é lograr a mellora da eficiencia enerxética e a redución dos gases de efecto invernadoiro non só nas vivendas e edificios de xeito particular, senón tamén a escala de barrio ou distrito. Trátase de optimizar as condicións enerxéticas das vivendas para diminuír o consumo enerxético en xeral e, en consecuencia, conseguir un aforro económico e, ao mesmo tempo, menor impacto ambiental”.
A ferramenta, que xa está moi avanzada, permite coñecer cal a situación concreta dun determinado barrio dende a perspectiva enerxética. Ofrece información sobre as características de cada un, cales teñen -por exemplo- máis capacidade para producir enerxías renovables e cales presentan problemas, co fin de tomar as medidas oportunas para que propietarios e inquilinos poidan reducir o seu consumo.
No caso da cidade de Santiago pártese dunha área da cidade histórica que abrangue os barrios do Castiñeiro, Pelamios e Vista Alegre; cunha gran variedade de usos, diferentes tipos de vivendas e edificios e moito espazo verde. “Búscase optimizar a sostibilidade da cidade partindo dos barrios, a través de intervencións tanto nos edificios como nos espazos públicos” -sinala Camiruaga-.