Adxudícase a obra de pintura da fachada da capela da Quinta Angustia

mércores, 27 Xullo, 2016

O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a obra de pintura da fachada da capela da Quinta Angustia á empresa JSTOP, Obras y Servicios, S.L. O orzamento global desta intervención ascenderá aos 11.240,90 euros e os traballos terán un prazo de execución previsto dun mes.

 

A igrexa da Quinta Angustia, situada entre o Campo da Angustia e rúa da Angustia, pertence á parroquia de San Pedro e data do ano 1465. Está sobre unha plataforma elevada sobre o nivel da rúa, delimitada por un muro perimetral que demarca un espazo libre, na súa meirande parte de uso público. Consérvase o espazo dunha cociña antiga, cos elementos tradicionais de lareira e vertedoiro. O inmoble está integrado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela e catalogado como edificio monumental.

 

Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Pablo Tomé, “o edificio, en xeral, atópase en bo estado de conservación, pero presenta un problema de encharcamento no exterior do adro debido á auga da choiva, xunto cun mal estado da pintura da fachada exterior e da parte inferior dos muros interiores”.

 

Así, entre as actuacións que se van levar a cabo para resolver estes problemas destaca a limpeza e pintado da fachada exterior nos tres alzados, cuxo acabado actual é de pintura ao silicato sobre morteiro de cal. E, por outro lado, tratarase de eliminar as humidades do adro, posto que provocan danos na pintura.

 

As últimas reformas que o Consorcio de Santiago realizou na igrexa da Quinta Angustia tiveron lugar en 2002, cun proxecto de restauración. E no ano 2006 fíxose unha valoración das obras que se debían levar a cabo no inmoble.