O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións acaban de publicar Periferias y (Des)bordes, o segundo tomo da investigación Evolución urbana y cambios morfológicos, Santiago de Compostela 1778-1950 do arquitecto e profesor compostelán Pablo Costa Buján.
Esta publicación é parte da tese de doutoramento do arquitecto, que dirixiu o catedrático das universidades Politécnica de Valencia e Santiago de Compostela José Antonio Franco Taboada e pola que obtivo un premio extraordinario. O autor estudou a cidade durante máis de tres décadas e formou parte do reducido grupo de arquitectos que elaborou o expediente presentado á UNESCO no ano 1984 para optar á Declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade.
Na publicación anterior, baixo o título de La ciudad heredada, o autor analizaba a evolución urbana do núcleo da cidade compostelá tendo en conta todos os factores que a condicionaron, sobre todo os sociais e os políticos. Agora, céntrase na expansión urbana a través dos seus ensanches, “que se planearon ao amparo do abrigo natural dos seus ancestrais rueiros”.
O período de estudo coincide co final das grandes obras eclesiásticas e o inicio da racionalización da cidade, coa organización e desenvolvemento de novas estruturas, esencialmente cara ás zonas que ocuparían os futuros ensanches universitario, residencial e de esparcemento, obxecto desta edición. A data inicial do libro responde ao momento en que aparece unha cidade moi transformada polo legado do Barroco.
Este período está marcado pola conformación da Alameda, os novos espazos residenciais e a cidade universitaria
Costa explica que neste período o marco espacial onde se materializan as maiores transformacións é o definido polo amplo arco que integran as rúas da Senra e Hórreo, Carreira do Conde e Campo de Santa Susana, ao sueste; a Avenida de Figueroa e Porta Faxeira, seguidas da rúa do Pombal e Cruceiro do Gaio, ao oeste. O sector péchase cos Agros do Mendo e do Outeiro, situados ao poñente da cidade. “Sobre este amplo ámbito, plasmaranse as transformacións de maior calado urbanístico” -afirma-.
Ademais da Alameda, entre as grandes intervencións realizadas na periferia da cidade ao longo destes anos destacan a Escola de Veterinaria, na rúa do Hórreo; a Facultade de Medicina e o Hospital Clínico, na rúa de San Francisco; e a Escola de Xordomudos e Cegos, no barrio de San Caetano. Os outros dous fitos do ensanchamento urbano nesta etapa foron o ámbito residencial e o universitario.
Ao longo da publicación o arquitecto aborda a conformación do parque da Alameda, a evolución e desenvolvemento dos bordos da cidade decimonónica, os ensanches residenciais e a cidade universitaria. A publicación está ilustrada e documentada con táboas de datos, fotografías antiguas, planos, debuxos… de espazos e edificios desenvoltos neste período. A edición complétase cun CD con varios apéndices documentais, nos que se recolle o plano da poboación de 1907-1908 de Laforet, Cánovas e De la Gándara; as arquitecturas da cidade xardín da Rosaleda de Jenaro de la Fuente; o inventario das primeiras arquitecturas do ensanche; xunto co inventario da arquitectura contemporánea da cidade universitaria (campus sur).
A finalidade do autor a través da súa investigación ao redor da cidade de Santiago é “dignificar e poñer en valor o noso patrimonio, tamén espertar conciencias olvidadas para estimular a súa protección actual e futura permanencia”. Tal como resalta no prólogo do libro o catedrático José Antonio Franco Taboada, “o profesor Costa coa súa obra axúdanos a acabar de entender que os lugares nos que habitamos non son tan só edificios senón tamén e, sobre todo, a cidade que configura e na que se desenvolven todas as actividades que poderiamos definir como públicas das nosas vidas”.