Comisión Executiva do Consorcio

xoves, 27 Outubro, 2016

O Consorcio da Cidade de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. No transcurso da reunión tratáronse, en particular, diversos asuntos de trámite administrativo.

 

Na xuntanza avanzouse nas principais actuacións e liñas de traballo que se van desenvolver con cargo aos presupostos de 2017 nos diferentes programas cos que conta o organismo. No marco do Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica realízanse accións de coñecemento, divulgación e accesibilidade ao patrimonio compostelán; en particular a través da edición de publicacións e a organización de exposicións vencelladas á cidade histórica. O Programa de Recuperación Urbana busca revalorizar o patrimonio compostelán, actuando en edificacións de titularidade privada, no espazo público e nos monumentos. Pola súa parte, o Programa de Dinamización Turístico-Cultural promove iniciativas que potencien e consoliden a posición de Santiago como capital cultural nas súas diversas facetas, incluído o proxecto musical da Real Filhamonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais.

 

Ademais, perfiláronse as actividades que se van desenvolver ao longo do vindeiro ano con motivo da celebración do 25 aniversario do Consorcio. O organismo interadministrativo nacía en 1992 como o órgano executor das accións marcadas polo Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, cuxo obxectivo principal é coordinar e promover as accións do Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Santiago; orientadas á preservación e revitalización da cidade de Santiago e do seu patrimonio cultural.

 

No marco da Comisión Executiva abordouse tamén un posible convenio co Concello de Santiago para levar a cabo o proxecto de restauración e mellora do itinerario fluvial "De ponte a ponte polo río Sarela". A finalidade desta actuación é recuperar e poñer en valor a riqueza patrimonial e ambiental desa zona. O paseo fluvial e a ruta de sendeirismo que transcorre polo río Sarela conforman un conxunto cultural e de observación da natureza de importante uso recreativo e didáctico.