A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de rematar a obra de pintura da fachada da capela da Quinta Angustia. O orzamento global desta intervención ascendeu aos 11.240,90 euros.
A igrexa da Quinta Angustia, situada entre o Campo da Angustia e rúa da Angustia, pertence á parroquia de San Pedro e data do ano 1465. O inmoble está integrado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela e catalogado como edificio monumental.
Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Pablo Tomé, “o edificio, en xeral, atópase en bo estado de conservación, pero presentaba un problema de encharcamento no exterior do adro debido á auga da choiva, xunto cun mal estado da pintura da fachada exterior e da parte inferior dos muros interiores”.
Así, entre as actuacións que se levaron a cabo para resolver estes problemas destaca a limpeza e pintado da fachada exterior nos tres alzados, cuxo acabado era de pintura ao silicato sobre morteiro de cal, e tamén do interior. E, por outro lado, fíxose un traballo de drenaxe do adro, evitando así o encharcamento do espazo da entrada.
As últimas reformas que o Consorcio de Santiago realizara na igrexa da Quinta Angustia tiveran lugar en 2002, cun proxecto de renovación do coro e da cuberta. E no ano 2006 fíxose unha valoración das obras que se debían levar a cabo no inmoble.