O Consorcio aproba os presupostos para 2017, que ascenden a 9.142.471,05 €

luns, 19 Decembro, 2016

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Entre os temas abordados na orde do día, presentáronse os presupostos para o vindeiro ano, que ascenden a 9.142.471,05 euros. As aportacións das tres Administracións consorciadas mantéñense por segundo ano consecutivo, despois de baixadas continuadas dende 2007. A Administración Xeral do Estado achega 4.795.150 euros, a Xunta de Galicia 2.684. 413 euros e o Concello de Santiago 1.361.295 euros. No presuposto está incluída a Real Filharmonía de Galicia, que xestiona o Consorcio de Santiago.

 

O Consorcio aprobou esta mañá o seu programa de monumentos para o vindeiro ano, cun orzamento global estimado de 766.188,013 euros, no que se inclúe a continuación das obras do Pazo de Raxoi, destinadas a optimizar a estanquidade e a eficiencia enerxética do inmoble, por un importe de 384.000 euros. E haberá unha partida específica de 443.000 euros para seguir coa mellora das condicións de uso do Auditorio de Galicia.

 

Ademais, increméntanse as cantidades para a rehabilitación dos locais comerciais (150.000 euros) e vivendas (300.000 euros) situadas no ámbito de Protección Especial da Cidade Histórica. No caso das vivendas, prevese a convocatoria de axudas á rehabilitación de elementos especiais de madeira e reixas dos inmobles, por valor de 150.000 euros; e outra de axudas para os envolventes exteriores dos edificios, tamén de 150.000 euros.