Rematan as obras do Centro de Rehabilitación

luns, 19 Decembro, 2016

Os membros do Consello de Administración e da Comisión Executiva do Consorcio visitaron o novo Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela. Este centro, que se destinará de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores, técnicos e empresas da construción, é pioneiro en todo o territorio nacional. A súa actividade académica comezará o vindeiro curso 2017-2018.

 

O centro, cuxo investimento final supera os 7 millóns euros, está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago -que financiou parte das obras cun total de 2 millóns de euros-, e conta co apoio do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Ademais, a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago elaborou o proxecto e dirixiu as obras.

 

O centro contribuirá a dinamizar a transformación que está a vivir o sector, en particular no relativo á modernización de estruturas empresariais e cualificación de traballadores e técnicos, favorecendo a creación de pequenas e medianas empresas especializadas nesta área de negocio do sector da construción, en grande expansión e potencialmente xeradora de emprego cualificado e estable. Así mesmo, axudará a impulsar a colaboración público-privada nas políticas de recuperación da cidade histórica de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende 1985.

 

As obras dividíronse en actuacións de rehabilitación (con dúas fases diferenciadas) e a construción de novas edificacións. As naves de nova construcción, destinadas a obradoiros, foron acometidas pola Fundación Laboral da Construción co apoio da Xunta de Galicia. No relativo ás dúas fases de rehabilitación, o investimento realizouse con financiamento do Consorcio de Santiago. Na primeira fase rehabilitáronse algunhas das edificacións da antiga fábrica de curtidos, e colocouse a cuberta a todas para garantir a conservación do conxunto. A segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes, que acaba de rematar e á que o Consorcio destinou 1.240.000 euros, centrouse no acondicionamento interior das mesmas; destinadas a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo.

 

A Fundación Laboral da Construción ten previsto concretar durante os vindeiros seis meses os traballos pendentes de urbanización e equipamento do centro, co obxecto de que poida estar plenamente operativo en xuño de 2017. Na actualidade a Fundación está a desenvolver o programa formativo e a estrutura de funcionamento do centro.