Publícase un facsímile das “Memorias del Arzobispado de Santiago” de Jerónimo del Hoyo

mércores, 21 Decembro, 2016

O Consorcio e a Universidade de Santiago acaban de publicar unha reprodución facsimilar das Memorias del Arzobispado de Santiago de Jerónimo del Hoyo.

 

En nome do Arcebispo don Maximiliano de Austria, o Cóengo Cardeal Jerónimo del Hoyo realizou unha visita pastoral ao arcebispado de Santiago durante máis de tres lustros (1603-1620), que testemuñou nun extensísimo manuscrito conservado no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela e que agora esta edición recolle en reprodución facsimilar. A introdución do libro é do historiador Simón Vicente López, documentalista do arquivo da catedral de Santiago.

 

As Memorias del Arzobispado de Santiago rexistran nos cincocentos corenta e cinco folios orixinais a “descrición puntillosa da organización da diocese compostelá”, incluíndo visitas á práctica totalidade das súas fortalezas, hospitais e parroquias, “a impagable descrición das súas vilas e cidades, xunto cunha historia sucinta do Apóstolo Santiago”. “Confeccionadas con rigor” polo canónigo cardeal Jerónimo del Hoyo, catrocentos anos despois este manuscrito recupera plena actualidade coa publicación dun volume de máis de mil páxinas coa reprodución facsimilar da obra de del Hoyo nunha edición elaborada pola USC e o Consorcio de Santiago coa colaboración do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.

 

Como subliña o director do Arquivo Diocesano, Salvador Domato Búa, séculos despois a obra “continúa sendo imprescindible para o estudo da Idade Moderna en Galicia”.