Conclúen as obras de limpeza do ciborio da igrexa de San Martiño Pinario

xoves, 5 Xaneiro, 2017

O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de limpeza do ciborio da igrexa de San Martiño Pinario. O orzamento global desta intervención ascendeu aos 85.207,41 euros. Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Ramón Fernández Hermida, limpáronse e rexuntáronse a terraza e os muros do ciborio da igrexa e a cuberta do mesmo, co fin de evitar a entrada da auga da chuvia ao interior do edificio, que chegaba a producir goteiras sobre o altar.

 

“A auga filtrábase pola terraza do ciborio, sobre todo polos encontros desta cos muros e coa balaustrada e cornixas perimetrais e pola cuberta. As obras centráronse pois na limpeza da terraza, muros e cornixas mediante a eliminación de plantas e musgos; xunto co rexuntado da cantería e o retellado da cuberta do ciborio. Tamén se repararon as cubertas dos corpos baixos en todo o perímetro do ciborio, resolvendo os encontros dos muros coas cubertas inferiores con lámina de chumbo e reutilizando a tella que estaba en bo estado” -sinala o arquitecto-.

 

Ademais, a entrada de auga cara aos recheos dos muros producía o debilitamento do sistema estrutural do edificio e acababa aparecendo pola cara interior da cúpula da igrexa, polo que a actuación ía destinada a resolver todas estas patoloxías.

 

O estado da cúpula da igrexa

 

Na cuberta do ciborio faltaban algunhas tellas e outras estaban rotas. Na pedra das fachadas había zonas invadidas pola vexetación e áreas colonizadas por mofos e liques. Pola cara interior da cúpula, no interior da igrexa, víanse zonas con humidade que acababan por gotear enriba do altar. Estas patoloxías eran provocadas polas filtracións da auga da choiva, que entraba tanto polas xuntas da pedra como polos encontros entre paramentos e zonas de apoio dos balaustres, ornamentos…

 

Unha vez eliminadas as plantas superiores, así como as algas, mofos e liques, limpouse toda a superficie de fachada cun cepillo de esparto ou serdas e auga limpa sen presión, para non danar as xuntas ou a superficie da pedra. Coa fachada limpa, procedeuse a limpar en profundidade as xuntas abertas que foran invadidas por plantas e raíces. E tamén se limparon as gretas e fisuras co fin de eliminar todo o material de aporte tanto do vento como por parte das aves e demais colonizadores. Por último, aplicouse un tratamento superficial impermeable á auga pero permeable ao vapor de auga, que permitirá a eliminación da humidade do interior da fábrica.