Baixo o título “Mirando a cidade. Un paseo pola historia de Compostela”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de fotografías que mostran a evolución urbana da cidade de Santiago. Exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías.
Esta exposición é unha iniciativa da Asociación Cultural Fotoforum Compostela, integrada por persoas que, por unha parte, comparten a súa paixón pola fotografía e, por outra, apostan por unha fotografía de calidade que sirva como medio de creación e de expresión cultural, con distintos tipos de miradas e xeitos de entender a fotografía. Entre as diferentes actividades que se organizan dende Fotoforum están os proxectos expositivos e “Mirando a cidade" é a súa proposta deste ano.
Tal como explica o comisario da exposición xunto a Belén Castro e presidente de Fotoforum Compostela, Fuco Reyes, "Mirando a cidade é un proxecto expositivo que pretende facer un percorrido pola historia da urbe compostelá. Este percorrido polo tempo realízase a través de fotografías de lugares que pertencen a diversas épocas da cidade, dende as súas orixes ata a actualidade”. Deste xeito, nun primeiro momento levouse a cabo un labor de documentación sobre unha serie de espazos atribuídos a diferentes datas e, nun segundo momento, fotografáronse eses lugares.
A cada participante deste proxecto asignóuselle unha localización emblemática da historia de Compostela e cada un deles representou o lugar correspondente segundo a súa mirada persoal. Así, “Mirando a cidade” é unha exposición dun colectivo pero, ao mesmo tempo, mantén a autoría e o enfoque de cada un dos e das participantes nesta experiencia.
Son un total de 61 instantáneas de 58 autores e autoras diferentes. Recollen espazos tan diversos como a necrópole neolítica Chans de Figueiras, o Pazo de Xelmírez, o Pazo de Monroy, a Casa do Deán, o Pazo de Raxoi, a Finca do Espiño, o Pazo de Santa Cruz, a Cidade da Cultura, a dársena da Avenida Xoán XXIII, a Facultade de Ciencias da Comunicación, a estación do tren…
A comisaria da exposición, Belén Castro, sinala que “Compostela non se crea dunha vez senón por ampliacións e substitucións. É un mosaico de obxectos de idades diferentes con funcionamento unitario. A súa paisaxe reescríbese en moitos momentos. Por iso, nesta exposición dáse conta dos testemuños que os nosos antepasados conservaron da organización urbana da cidade de Santiago”.
A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido ata finais de xuño
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata finais do vindeiro mes de xuño. Poderá visitarse no horario habitual do museo, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.