Dúas publicacións do Consorcio, finalistas da Gala do Libro Galego 2017

mércores, 3 Maio, 2017

Dúas publicacións coeditadas polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora atópanse entre as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2017. Esta iniciativa está promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. É un galardón co que se pretende recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no eido editorial en Galicia ao longo de 2016. A gala, na que se darán a coñecer as obras gañadoras, celebrarase o vindeiro 20 de maio no Teatro Principal de Santiago.

 

Na categoría de iniciativa bibliográfica está, entre outras catro publicacións, o manuscrito inédito da obra De catro a catro de Manoel Antonio. Publicouse en edición facsimilar, respectando fielmente o formato orixinal no que foi creado.

 

Este manuscrito inédito, escrito por Manoel Antonio entre os anos 1926 e 1927 nun caderno contable, é un dos libros de poesía galega máis relevantes de todos os tempos. Está considerado ademais como unha das cimas universais da poesía vangardista. O coidado desta edición, que inclúe a transcrición do texto coa identificación das súas variantes, e a reprodución de fotografías e ilustracións, correu a cargo do catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago Anxo Tarrío.

 

Unha visión orixinal do histórico Banquete de Conxo

 

Na categoría de ensaio atópase como finalista, entre outras catro obras, Os últimos carballos do Banquete de Conxo, unha visión orixinal do xantar pola liberdade que tivo lugar en Conxo en 1856 e de onde sairían os promotores do Rexurdimento da cultura galega. É a primeira vez que unha publicación aborda de maneira monográfica a historia do célebre banquete.

 

O libro recolle catro crónicas de catro autores: o xornalista e editor Henrique Alvarellos, coordinador da edición, que fai un percorrido no tempo e na memoria; o filólogo e investigador do Rexurdimento Xurxo Martínez, que aborda o contexto político e cultural do Banquete; o historiador Francisco Singul, que se centra no Mosteiro de Conxo, en cuxa finca desamortizada se celebrou o acto; e o biólogo Martín Souto, que realiza un estudo botánico do bosque.