A cidade ecuatoriana de Quito foi a primeira do mundo en ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1978. Na actualidade está a traballar no Plan de Xestión do seu centro histórico e, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), elixiron as cidades españolas de Santiago e Málaga como modelos de referencia “innovadores e sostibles” que van servir para o deseño e implantación do seu plan. Vencellado a esta iniciativa, un equipo de expertos de Santiago desprazouse a Quito o pasado mes de outubro para participar nun programa de asesoramento e explicar ademais o modelo do Consorcio de Santiago.
A vindeira semana será un equipo procedente de Quito -integrado por varios arquitectos, un abogado, un economista e un sociólogo- o que se achegue a Santiago para coñecer de preto os traballos de rehabilitación e de xestión do centro histórico compostelán. Tamén asistirán técnicos de Málaga. E, a finais de semana, os grupos de Quito e Málaga desprazaranse xuntos á cidade malagueña para dar a coñecer o seu caso aos técnicos da cidade ecuatoriana.
Durante a súa estadía na cidade, os equipos de Quito e Málaga manterán unha serie de reunións tanto con técnicos municipais como con técnicos do Consorcio de Santiago. Ademais, realizarán diversas visitas guiadas a obras dirixidas polo Consorcio, en particular ao Pazo de Raxoi como exemplo de edificio monumental, vivendas rehabilitadas na cidade histórica, o servizo de conservación e mantemento dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica, mellora de locais comerciais, inmobles do programa de edificios tutelados; xunto cunha visita ao novo Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación (Pontepedriña de Arriba), cuxo proxecto elaborou o Consorcio e ademais dirixiu as obras.
Os grupos procedentes de Quito e Málaga participarán tamén no encontro de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas, que se vai celebrar en Santiago o vindeiro martes, 28 de novembro, no Museo das Peregrinacións.