Encontro das cidades Patrimonio da Humanidade de España en Santiago

luns, 27 Novembro, 2017

No marco dos actos conmemorativos do seu 25º aniversario, o Consorcio de Santiago organiza un encontro de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Baixo o título “Procesos participativos nos Plans de Xestión das Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas”, esta xornada, que terá lugar mañá martes, 28 de novembro, no Museo das Peregrinacións, centrarase nos Plans de Xestión do Patrimonio Mundial. Van dirixidas aos concelleiros de Patrimonio e responsables de área das 15 cidades Patrimonio da Humanidade que hai no noso país. O encontro está financiado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

 

Ao encontro asistirán todos os concelleiros e técnicos de Patrimonio das quince cidades españolas Patrimonio da Humanidade, xunto a María Agúndez, xefa de Área de Patrimonio Mundial do Ministerio de Cultura, dende onde se impulsa que as comunidades autónomas e os concellos redacten os correspondentes Plans de Xestión. Tamén se contará coa presenza do director xeral de Patrimonio da Xunta de Castela e León, Enrique Saiz, dende onde se promoveron os únicos Plans de Xestión que existen na actualidade en España, os das cidades de Salamanca e Ávila, xunto aos das cidades de Baeza e Úbeda, que están desenvoltos, aínda que de xeito menos avanzado.

 

No transcurso da xornada abordarase o estado do cumprimento da obrigación da Unesco de redactar e poñer en marcha estes Plans de Xestión. Neste encontro participará tamén a cidade ecuatoriana de Quito, coincidindo coa súa visita a Santiago para coñecer o modelo de rehabilitación e xestión do seu centro histórico.

 

Tal como explica o arquitecto do Consorcio de Santiago Xosé Allegue, “cada catro anos a Unesco esixe coñecer que é o que se está a facer en cada unha das cidades declaradas Patrimonio da Humanidade, como se está a manter e a coidar o ben declarado co obxecto de poder conservar esa declaración. É dicir, a Unesco fai un seguimento e entre as súas esixencias está a elaboración de Plans de Xestión".

 

Juan Requejo, integrante do grupo redactor do Plan de Xestión da cidade histórica de Santiago, abordará a importancia da participación cidadá neste proceso

 

As catro cidades que xa teñen os seus plans aprobados explicarán a súa experiencia e tamén participarán os representantes das cidades que o teñen en proceso de elaboración, como é o caso de Santiago. Intervirá o concelleiro da Cidade Histórica, Jorge Duarte, e Juan Requejo, integrante do grupo redactor do Plan Especial e Plan de Xestión da cidade histórica de Santiago, quen abordará a importancia da participación cidadá no desenvolvemento dos Plans de Xestión.

 

No acto de inauguración, que terá lugar ás 9:00 horas, estarán o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o presidente da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e a directora xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Mª Carmen Martínez Ínsua.