O Consorcio de Santiago está a traballar na fachada oeste do Pazo de Raxoi, de cara a mellorar a súa eficiencia enerxética. A primeira fase, xa iniciada, céntrase no exterior. E agora o organismo interadministrativo acaba de adxudicar as obras de mellora das fachadas interiores á empresa Cabero Edificaciones, S.A., por un importe global de 277.815,29 euros.
O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable desta obra é Xosé Allegue. Explica que con esta intervención búscase mellorar a eficiencia enerxética das fachadas do patio oeste do Pazo de Raxoi a través da renovación de carpinteirías e saneado da fachada. Tal como sinala o arquitecto, “o mal estado das carpinterías e rexuntados da pedra favorece a perda de calor e a permanente humidade das caras interiores dos muros, o que obriga ao sistema de calefacción a empeñar gran parte da súa capacidade na disipación da humidade dos muros, que pasa á súa vez ao ambiente interior das estancias, coa conseguinte aparición de mofos e liques, e provocando como consecuencia ambientes de traballo insalubres”.
Nesta mesma fachada atópase unha terraza que presenta graves problemas de filtracións de pluviais cara ás estancias inferiores, o que xera altos niveis de humidade e fungos, ademais dun elevado consumo enerxético para a súa desecación, polo que se procederá á súa impermeabilización.
Mantemento da pedra, renovación das carpinterías e das reixas
Entre as actuacións que se van levar a cabo destaca o mantemento ordinario dos elementos pétreos da fachada, co fin de garantir a súa estanqueidade. Ademais, revisarase o estado da pedra de cara a previr posibles caídas de material á rúa.
Por outro lado, renovaranse todas as carpinterías para mellorar a estanqueidade, o illamento acústico e a eficiencia enerxética do edificio nesta fachada. Implementaranse mecanismos e motorizacións de aperturas de ventás non accesibles co propósito de facilitar a necesaria ventilación dos espazos. E nalgunhas estancias inclúense medidas correctoras para atenuar a concentración de radón.
Tamén se sanearán as reixerías existentes nas ventás dos balcóns, así como nas numerosas ventás que dan ao patio.