A ampliación do Museo do Pobo Galego, a obra de maior calado do Consorcio para os vindeiros anos

luns, 18 Decembro, 2017

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Asistiron o subsecretario de Facenda e Función Pública, Felipe Martínez; a subsecretaria do Ministerio de Fomento, Rosana Navarro; a inspectora xeral do Ministerio de Facenda e Función Pública, Carmen Alcalá; o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez;  o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Xesús Oitavén; os concelleiros do Concello de Santiago Agustín Hernández, Francisco Reyes e Rubén Cela; o secretario do Concello e do Consorcio de Santiago, José Ramón Alonso; a interventora do Consorcio, Consuelo Lage; ademais da xerente do organismo, Belén Hernández.

 

Entre os temas abordados na orde do día, aprobáronse os presupostos para o vindeiro ano, que ascenden a 9.090.277,90 euros. A Administración Xeral do Estado achega 4.555.392,50 euros, a Xunta de Galicia 2.684.413 euros e o Concello de Santiago 1.406.216,74 euros.

 

Programa de Recuperación Urbana

 

O Consorcio investirá 2.010.529,96 euros no seu Programa de Recuperación Urbana. Manteranse as tres liñas de axudas vixentes, dotadas en total con 450.000 euros. Por un lado, a dedicada á mellora de edificacións de titularidade privada, incidindo na optimización da eficiencia enerxética das vivendas. Realizarase a terceira convocatoria de axudas para a mellora dos locais comerciais. E continúa tamén a liña de axudas para o mantemento das envolventes exteriores dos edificios. Por outro lado, para o mantemento dos pavimentos da cidade histórica destinaranse 172.000 €.

 

As intervencións no patrimonio histórico-artístico da cidade representarán un total de 568.133,92 euros. Está previsto actuar na capela do Cristo do mosteiro de Santa María de Conxo; levarase a cabo o acondicionamento do cemiteiro da igrexa da Orde Terceira para a súa apertura á cidadanía; intervirase nas igrexas de Agualada de Marantes, San Frutuoso, Santas Mariñas e Marrozos; nas capelas de San Roque e da Pastoriza, nas que se restaurará o cortaventos e o retablo, respectivamente. Ademais, destinaranse 23.756 euros a reparar as salas de ensaio do Auditorio de Galicia situadas no semisoto do edificio.

 

Nos vindeiros anos a obra de maior calado que acometerá o Consorcio de Santiago será a adecuación da ala sur do convento de San Domingos de Bonaval para ampliación do Museo do Pobo Galego, que superará con creces os 2 millóns de euros. En 2018 está prevista a culminación da redacción do proxecto, a súa tramitación e licitación, xunto á primeira fase da obra, cun investimento de 56.624,41 €. As obras prolongaranse máis de dous anos.

 

Esta ampliación, por unha superficie estimada de 800 m2, esixirá unha musealización de novos produtos expositivos que recolla, cando menos, a recente historia de Galicia e que estea á altura do Museo que a albergará. De cara a avanzar no proxecto expositivo, suscribirase un convenio co Museo do Pobo Galego por importe de 45.000 euros.

 

Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica

 

Para o seu Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, o Consorcio destinará un total de 460.222,90 euros. Este programa inclúe a coedición de publicacións vencelladas á cidade, así como a organización de exposicións na Casa do Cabido. Ademais, levarase a cabo a dixitalización das publicacións que están esgotadas. Tamén se dixitalizarán e catalogarán os fondos fotográficos de Ramón Sánchez Estalote, ao tempo que continúa a colaboración co IES Xelmírez I para a restauración dos fondos da súa biblioteca histórica.

 

Así mesmo, promoveranse estudos especiais, en particular un Plan Director de Infraestruturas, que permitirá tomar decisións en relación ao proceso de mellora de infraestruturas no casco histórico, incluíndo os proxectos de subterraneización do cableado; e un Plan Director de Mercancías, xa que non existe ningún estudo centrado neste tipo de tráfico.

 

Programa de Dinamización Turístico-Cultural

 

No marco do seu Programa de Dinamización Turístico-Cultural, o organismo interadministrativo destinará un total 5.527.376,85 euros, o que inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia (4.228.890,57 €) e a Escola de Altos Estudos Musicais (418.486,28 €). Ademais, o organismo colaborará con diferentes entidades da cidade, de cara a promover actividades culturais como os fogos do Apóstolo, o festival Cineuropa, iniciativas do Auditorio de Galicia, Programa Conciencia da Universidade de Santiago; xunto á colaboración coa Fundación Granell, Música en Compostela e co evento internacional de televisión Conecta Fiction.

 

Por outro lado, o Parlamento de Galicia e o Concello de Santiago aprobaron por unanimidade o cambio de denominación do aeroporto de Lavacolla, que pasará a chamarse Santiago-Rosalía de Castro. O Consorcio, xunto con AENA, financiarán o custo do cambio de denominación, que afectará a toda a sinaléctica do recinto aeroportuario, cun custo estimado de 50.000 euros.