Un libro analiza a historia de 64 escaleiras monumentais de Santiago

mércores, 13 Xuño, 2018

O Consorcio de Santiago e Andavira Editora publicaron De tiros, huellas y arrimos. Historia de la escalera monumental en Santiago de Compostela, un libro da historiadora da arte Miriam Elena Cortés López, que aborda a presenza deste singular elemento arquitectónico na cidade dende as súas orixes ata a actualidade.

 

Esta publicación ofrece outro novo xeito de ver e entender Compostela. Faino a través dun paseo polas escaleiras monumentais que se integran na súa trama urbana, nos seus xardíns… Pero tamén ofrece unha visita por medio daquelas que se esconden no interior dos edificios máis representativos e por outras que resultan menos coñecidas pero que conforman a historia da escaleira dende o século XVI, ou mesmo as que no seu día puideron ter existido ou existiron, pero que na actualidade xa non se conservan. Esta viaxe a través do tempo permite entender a riqueza artística, estilística e formal dos arquitectos que traballaron na cidade compostelá.

 

O estudo convida a coñecer o terreo deste elemento arquitectónico de varias maneiras. A través de cada un dos exemplos que se presentan, apórtanse datos históricos, testemuños da época… Pero tamén se tratan cuestións de índole formal, como algunhas das súas peculiaridades máis significativas. E cóntase coa colaboración do fotógrafo Fuco Reyes, autor, entre outras, da imaxe da portada.

 

Ao longo do libro abórdase a literatura arquitectónica en Santiago, as orixes da escaleira na cidade, a través da cripta e o camarín da catedral de Santiago, os claustros renacentistas e a sacristía da capela do Hospital Real (actual Hostal dos Reis Católicos). Trátase a escaleira na arquitectura civil, presente en colexios como os de Fonseca, San Clemente, San Xerome, edificio da Universidade e na facultade de Medicina; nos antigos hospitais como o de San Roque, Hospital Real e Conxo; nos pazos e nos teatros. Logo céntrase na escaleira nos principais conventos e na catedral.

 

A autora detense ademais no seu contorno natural: parque da Alameda, igrexa de Santa Susana e a Residencia de Estudantes. Achégase á escaleira urbana, en particular ás das prazas da Quintana e Praterías, a escaleira Maximiliana da catedral, a de acceso ao convento de Santa Clara, Pórtico Real do mosteiro de San Martiño Pinario, estación de ferrocarril e antigo Hospital Provincial. Un capítulo está dedicado a aquelas escaleiras desaparecidas e frecuentemente esquecidas. E a publicación remata cun achegamento á escaleira na actualidade compostelá.

 

Miriam Elena Cortés explica que a amplitude de casos que se estudan neste traballo, que aglutina un total de 64 escaleiras, obrigouna a involucrarse “non só en cada escaleira en concreto, senón nos contextos e particularidades que a rodean, e que fan de cada unha delas un caso único. Aspectos como o espazo no que se atopan, o momento no que se constrúen, ata os cambios ou alteracións que puideron experimentar co paso do tempo. Son tantos os condicionantes que determinan a vida de cada escaleira que na práctica totalidade das pezas foi necesario abordalas dun xeito individualizado, recorrendo a aquelas persoas que nos puideron ofrecer algunha pista”.

 

Das escaleiras máis antigas e vistosas ás máis modernas e menos evidentes

 

O prólogo do libro é de Juan Monterroso, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago. Destaca que “xunto ao valor histórico que posúen escaleiras como as que nos conducen á cripta do Apóstolo Santiago ou nos permiten acceder ao camarín onde o fiel pode abrazar ao Santo, escaleiras como a que dá acceso ao Pórtico da Gloria e á cripta da catedral compostelá, a coñecida como Escaleira Maximiliana, eríxense como verdadeiros fitos no espazo urbano. A praza do Obradoiro sería diferente se non contase con ese dobre tiro recto que interrompe a regularidade dun espazo que se foi configurando lentamente. Mesmo, como ocorre nese caso, a escaleira estivo aí antes que a praza que coñecemos hoxe en día”.

 

“Todas estas escaleiras e outras moitas son analizadas neste libro dun xeito rigoroso e ameno. A súa orixe histórica, a súa configuración, a función práctica e simbólica que cada unha delas posúe… dos testemuños máis antigos e vistosos a aqueles máis modernos e menos evidentes; mesmo daqueles outros que o progreso, os novos tempos e a imposición dunhas novas necesidades chegaron a amenazar ou, aínda, poñen en cuestión a súa existencia” -indica o profesor-.

 

A autora centra as súas investigacións no patrimonio arquitectónico galego

 

Miriam Elena Cortés é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. As súas liñas de investigación desenvólvense ao redor dos campos do patrimonio arquitectónico galego, o urbanismo e a paisaxe, con varios estudos sobre a escaleira monumental. Tamén ten producidos traballos en torno á cuestión dos Via Crucis monumentais ou a literatura artística nas bibliotecas e arquivos composteláns.