O 5 de xullo de 2007 o Consorcio e a Universidade de Santiago presentaron o Proxecto Urbe, que consiste na sistematización das fontes documentais compostelanas para posteriormente facelas accesibles a través de Internet, facilitando a consulta dos resultados “on line”, e sendo os primeiros beneficiarios destes traballos os dous grandes arquivos composteláns: o Universitario e o Catedralicio.
Este traballo permite acadar os seguintes obxectivos:
- Identificación dos materiais documentais máis relevantes e significativos desde o punto de vista da historia global da cidade.
- Organizar unha base de datos electrónica dos documentos individualizados e descritos. Priorizar inicialmente os fondos notariais, empezando polas catro notarías de número do Concello e do Cabildo e dos escribanos do Hospital Real, e posteriormente polos libros de acordos das dúas corporacións máis relevantes: o Concello e o Cabildo.
- Todos estes materiais atópanse no Arquivo Histórico Universitario e no Arquivo da Catedral e, en menor medida, no Arquivo Histórico Diocesano.
- O equipo de traballo está formado por un grupo de documentalistas e arquiveiros dirixidos polo profesor Fernando López Alsina.
Os documentos dixitalizados xa son consultables nas webs do Archivo Universitario e do Archivo da Catedral.