Ampliación do Museo do Pobo Galego

martes, 24 Xullo, 2018

O Museo do Pobo Galego ampliarase nunha superficie estimada de 800 m2 para acoller un novo espazo expositivo. O investimento global desta intervención, que se prolongará ata o vindeiro  Ano Santo 2021, alcanza os 2.948.006,32 euros.

 

Vaise adecuar a ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval, ao tempo que o Padroado do Museo do Pobo Galego -co apoio económico do Consorcio- comezará a traballar na musealización do futuro espazo de exposicións. Así, rehabilitarase e adaptarase esta ala, que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes, para usos de oficinas, talleres e exposicións do Museo do Pobo Galego.

 

A actuación inclúe a intervención nas fachadas do edificio e a renovación completa das cubertas. Así mesmo, procederase ao illamento térmico do inmoble, xunto á realización de labores de fontanería, saneamento, electricidade, iluminación e telecomunicacións. Substituirase toda a estrutura portante do solo que se atopa en mal estado, refaranse os forxados, colocarase un ascensor de alta capacidade e habilitaranse baños novos. Por outro lado, construiranse dúas escaleiras de comunicación vertical, que unirán todas as plantas do edificio. Desenvolverase ademais un plan de prevención antiincendios.

 

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago encargarase tamén da limpeza e restauración da fachada do atrio da igrexa de Bonaval.