A Casa do Cabido acolle a exposición A Banda Municipal de Santiago. 170 aniversario, que fai un percorrido pola historia da agrupación, dende as súas orixes ata a actualidade.
A Banda Municipal de Santiago é unha das máis antigas do panorama nacional e, logo de preto de dous séculos de vida, atópase entre as poucas que perduran dende o seu nacemento ata os nosos días. En 1848 a agrupación preséntase á cidade como centro formativo de instrumentistas que pertencían principalmente á Casa Hospicio. En 1876 pasa a depender directamente do Concello, que decide profesionalizala e regulala no que se refire ás condicións de ingreso dos músicos que a constitúen, feito que se evidencia de xeito rotundo no ano 1894. Entre 1959 e 1964 tivo que disolverse debido á mala situación económica que atravesaba o Concello.
Esta mostra parte do traballo de investigación da musicóloga Beatriz Cancela (comisaria da exposición), cuxa tese de doutoramento culminou no libro “La Banda Municipal de Santiago. Música en las compostelanas rúas desde 1848”, editado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora e que se presentaba o ano pasado na cidade.
A exposición reúne material inédito
A exposición divídese en 5 partes que repasan as etapas da agrupación, con fotografías de cada época, un achegamento biográfico á vintena de mestres que a dirixiron, partituras de obras inéditas compostas por membros da banda e arranxos de grandes pezas sinfónicas que acercaron o sinfonismo europeo á cidade e ao resto de Galicia, instrumentos, premios, documentos diversos e mesmo diferentes uniformes que luciron os músicos. Incorpora tamén material inédito que foi aparecendo logo da publicación do libro.
A primeira destas etapas vai dende o nacemento da banda, no ano 1848, ata 1920 e nela amósanse curiosidades como a primeira acta de solicitude de instrumentos ao Concello ou un premio moi importante que a agrupación gañou en Vigo en 1908. Logo recóllese a traxectoria de 1920 ata a Guerra Civil. A terceira etapa remata no ano 1967, momento no que toma a dirección Amador Santos Bartolomé, o mestre que máis tempo estivo á fronte da Banda Municipal, un total de corenta anos. A cuarta etapa vai dende 1967 ata 2017 e a derradeira céntrase no ano 2018, coincidindo co seu 170 aniversario e reunindo todos os eventos que se foron realizando con tal motivo, xunto a fotografías actuais e as dúas partituras das obras que os compositores galegos Antón Alcalde e Fernando Buide escribiron para conmemorar esta efeméride. Ademais, proxectaranse vídeos antigos da banda e tamén dos actos do 170 aniversario.
A banda viviu a súa época de máximo esplendor nos anos 50
Beatriz Cancela sinala que “a través desta mostra amósase a banda nas súas diferentes facetas ao longo destes anos, participando nos momentos emblemáticos da cidade, como as festas, o Apóstolo, os actos institucionais…”. Indica que “unha das fotografías máis significativas que se poden ver nesta exposición é unha da banda tocando baixo os soportais do casco histórico, coa xente agochada baixo os paraugas, porque a choiva non freaba a expectación que sempre xerou”.
Pero a banda non era só un símbolo da cidade. “Nos anos 50 do pasado século tivo a súa época de máximo esplendor e os músicos subían cos seus instrumentos nun autobús que os levaba a tocar por toda Galicia, trasladábanse alí onde a solicitaban, chegando a converterse nun referente para outras bandas da comunidade. Daquela a agrupación tocaba case máis fóra que na propia cidade” -salienta a musicóloga-.
Horarios da mostra
A exposición poderá visitarse ata mediados do vindeiro mes de novembro, en horario de verán, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas (de 16:00 a 20:00 horas en horario de inverno), e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.