Dúas publicacións coeditadas polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora acaban de resultar finalistas nos “III Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia. Premios Paraugas 2018”. Trátase dunha iniciativa do Clúster da Comunicación Gráfica coa que se distinguen os traballos máis relevantes no marco da edición, a impresión, o deseño, a creatividade, o marketing, o marketing dixital e a comunicación.
No eido da Edición resultaron finalistas ao “Mellor Libro” -entre as máis de 60 publicacións presentadas- 100 anos de aviación en Compostela, de Xerardo Rodríguez Arias; e De tiros, huellas y arrimos. Historia de la escalera monumental en Santiago de Compostela, un libro da historiadora da arte Miriam Elena Cortés López que aborda a presenza deste singular elemento arquitectónico na cidade dende as súas orixes ata a actualidade.
O libro 100 anos de aviación en Compostela recolle o esforzo dos composteláns que dende principios do século XX puxeron o seu gran de area para o desenvolvemento da actividade aeronáutica na cidade, ata dotar a Santiago e o resto de Galicia dun aeroporto. Ao longo da publicación saliéntanse os fitos máis importantes relacionados coa aviación que aconteceron en Compostela no primeiro terzo do século pasado, xunto ás vicisitudes no desenvolvemento da primeira infraestrutura aeroportuaria da comunidade, que comeza a xestarse no ano 1932.
Pola súa parte, Historia de la escalera monumental en Santiago de Compostela ofrece un paseo por un total de 64 escaleiras monumentais que se integran na trama urbana de Santiago, nos seus xardíns, as que se agochan no interior dos edificios máis representativos e por outras que resultan menos coñecidas pero que conforman a historia da escaleira dende o século XVI, ou mesmo as que no seu día puideron ter existido ou existiron, pero que na actualidade xa non se conservan. Esta viaxe a través do tempo permite entender a riqueza artística, estilística e formal dos arquitectos que traballaron na cidade compostelá.