A Casa do Cabido exhibe esculturas de Salvador GB Pereira realizadas con materiais reciclados

xoves, 17 Xaneiro, 2019

A Casa do Cabido acolle a exposición ”Nun recuncho de ningures”, que reúne pezas do artista compostelán Salvador García-Bodaño Pereira, coñecido como RADU [Rescate Artístico Destino Utopía], realizadas con materiais reciclados.

 

A mostra aglutina un total de 50 pezas que o artista realizou ao longo de varios anos, na súa maioría esculturas e tamén algunha pintura, ademais de mobles reconvertidos en obras de arte. Salvador exprésase a través de materiais como o papel, o cartón e a madeira; materiais de desfeito aos que dota dunha nova vida, transformándoos en pezas únicas de aspecto primitivo. O resultado son un conxunto de obras figurativas, tanto humanas como animais e outras de carácter imaxinario.

 

O autor manifesta que “sempre me sentín abraiado polo maleábel e fráxil que son o papel e o cartón e como se converten, despois de tratalos, en elementos fortes e duros, permitíndome realizar pezas duradeiras no tempo. O proceso de realización é complexo e de moita paciencia, pero gústame o resultado final, o que para min é fundamental para seguir facéndoas”.

 

É unha variada e orixinal mostra escultórica conseguida logo de complexos procesos de preparación e tratamento técnico dos materiais para lograr endurecelos e transformalos en pezas artísticas. Nesta liña, Salvador GB Pereira explica que se trata dun proceso arduo porque cómpre reunir distintos tipos de papeis, de cores diferentes, e realizar unha especie de trenzado ou anoado que supón moitas horas de traballo. Logo as pezas trátanse para que perduren no tempo. “É unha técnica que non adoita empregarse para o tratamento deste tipo de pezas e o resultado é moi chamativo. O esforzo tradúcese en pezas de grande orixinalidade e colorido” -sinala-.

 

A exposición inclúe un texto explicativo do pai do artista, o escritor e académico Salvador García-Bodaño Zunzunegui. Nel salienta que se trata de formas e figuras de estética innovadora que foron emerxendo da creatividade do escultor “dende un gran caos matérico de sobras de papeis impresos e cartonaxes arrombadas nun curruncho de ningures, até chegaren, transformados pola xenialidade da arte, a se exhibiren arestora nestes espazos de visión para ofrecérmonos unha variada realidade de suxestivos logros plásticos presente entre o fuxidío resoar do silencio”.

 

 “Esta serie de insólitas pezas abrangue, na súa mistérica variedade aberta á intuición, unha galería de múltiples percepcións para cada unha das persoas visitantes, segundo a súa distinta sensibilidade imaxinativa. É dicir, entre o autor e quen as estea a percibir establécese un diálogo silente dende a contemplación” -resalta García-Bodaño pai-.

 

A mostra permanecerá na Casa do Cabido ata mediados de marzo

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata mediados do vindeiro mes de marzo. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.