Preséntase “Imaxinando Compostela”, un proxecto expositivo co fenómeno xacobeo como fío condutor

martes, 9 Xullo, 2019

O Consorcio de Santiago deseñou o proxecto “Imaxinando Compostela”, unha serie de exposicións que se desenvolverán en diversos puntos da cidade no período 2019-2021, vencellado ao Xacobeo 2021. Esta proposta cultural tomará forma tanto en espazos interiores como exteriores emblemáticos da cidade, respondendo á función social da arte.

 

O nexo de unión desta proposta é a relevancia e a relación dos patrimonios cultural, natural e inmaterial. Nesta liña, tal como explica a comisaria, “contémplase a concorrencia de artistas de distintas xeracións e variados xeitos de actuación, así como de múltiples e mesturados espazos de intervención”.

 

“A confluencia de circunstancias especiais como a que se produce no ano 2021, coa celebración do Ano Xacobeo, leva a trazar coordenadas converxentes con compoñentes vinculados ao Camiño de Santiago, e máis concretamente coas entradas á cidade compostelá. A intervención artística servirá de porta aos que chegan de fóra a través da ruta milenaria e de abeiro cultural aos que viven na cidade” -indica a comisaria, Mercedes Rozas-.

 

Na súa intervención, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, puxo de manifesto que “estamos a dezaoito meses do Ano Santo. É un reto e temos que prepararnos para enfrontalo. Millóns de persoas van vir a Santiago en 2021 e moitas máis van ter a súa mirada posta na cidade. É unha oportunidade para que sexa un éxito extraordinario tamén dende o punto de vista artístico e cultural. E precisamente nesta proposta, Imaxinando Compostela, unha serie de artistas galegos van poñer en valor a nosa paisaxe a través do seu traballo”.

 

Para este ano están programadas tres exposicións

 

No marco deste proxecto están confirmadas catro exposicións, que teñen como elemento de unión a paisaxe entendida como motivo simbólico, aberto a todo tipo de acepcións artísticas e como referencias clave Compostela e o Camiño de Santiago como punto de encontro. Ademais, contémplase a transversalidade dos distintos ámbitos creativos, fundindo nos mesmos espazos arte, poesía, música e danza.

 

A pasada semana inaugurábase na Fundación Granell Figurando lembranzas, con cadros de pintores galegos que estiveron exiliados ou emigrados en Latinoamérica. Son obras de Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell que reflicten as influencias que estes artistas recolleron nos países de acollida. Permanecerá ata o mes de setembro.

 

E este xoves inaugurarase unha nova mostra na Casa do Cabido. Baixo o título A paisaxe e a súa pegada I, catro fotógrafos amosarán a súa particular visión da paisaxe do Camiño de Santiago e da cidade. Son instantáneas de Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz. É a primeira parte dunha exposición que terá continuidade cunha segunda mostra, A paisaxe e a súa pegada II, que tamén se exhibirá na Casa do Cabido durante os meses de outubro, novembro e decembro; nesta ocasión con instantáneas de Xoán Soler, Andrea Costas, Eva Díez e Denís Estévez.

 

Unha nova exposición xa confirmada para 2020

 

Tempo no Camiño é o título da exposición que xa está confirmada para o vindeiro ano e que permanecerá aberta ao público na Casa do Cabido de xuño a outubro de 2020. Recóllese o concepto do territorio como identidade común a través da obra de artistas que traballan cos elementos da natureza desde distintos e ben diferentes rexistros. Trátase dunha xeografía da mirada, de deterse nos pequenos detalles do contorno, facendo da paisaxe un concepto dinámico. Nesta mostra os creadores tomarán o espazo da Casa do Cabido como referencia da intervención.

 

Por outro lado, estase a traballar noutra parte do proxecto chamada Arte na rúa para o período 2020-2021, co Camiño de Santiago como argumento de fondo en todas e cada unha das formulacións artísticas. Os posibles espazos expositivos serán espazos públicos da cidade vencellados ao Camiño, aínda que cómpre avanzar no financiamento desta parte do proxecto, en colaboración con outras institucións.