Un ascensor para a sede do Conservatorio Histórico, Ateneo e Amigos do País

xoves, 18 Xullo, 2019

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a licitación a obra de instalación dun ascensor no edificio situado na Praza de Salvador Parga nº 4, na cidade histórica, que na actualidade é sede do Conservatorio Histórico, do Ateneo de Santiago e da Real Sociedad Económica de Amigos del País. A finalidade desta intervención é garantir a accesibilidade universal ás tres plantas do inmoble, que ten unha superficie construída total de 2.555,93 m2.

 

A obra licítase por un valor global de 84.005,76 €. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 5 de agosto para presentar as súas propostas.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto é Ángel Panero. Explica que o Consorcio promove esta intervención dentro do propósito do organismo de “mellorar sempre as condicións de habitabilidade dos edificios da cidade histórica, neste caso modelizando técnica e administrativamente o procedemento para a instalación dun ascensor que garanta a accesibilidade universal de calquera cidadán a todas as plantas”.

 

O Consorcio de Santiago convértese nun organismo pioneiro ao primar criterios de formación fronte á oferta económica

 

En aplicación do previsto na recente Ley 9/2017 de Contratos del Sector Público, o Consorcio de Santiago convértese con esta licitación nunha administración pioneira ao introducir nos pregos de contratación criterios de carácter social encamiñados a fomentar a formación para o emprego e o mantemento da obra construída. Así, por primeira vez, teranse en conta para a adxudicación da obra as condicións que oferten as empresas para favorecer a formación para o emprego e de carácter medioambiental relacionadas co mantemento da obra construída. 

 

Os criterios vinculados aos méritos obxectivos relacionados co fomento da formación para o emprego e as medidas obxectivas vencelladas ao mantemento como método para a prolongación da vida útil da obra construída que oferten as empresas permitirán obter ata un 60% dos puntos necesarios para resultar adxudicatario da obra, fronte ao 15% de peso máximo que terá a oferta económica.

 

“O carácter innovador do prego desenvolto polo Consorcio de Santiago para contratar a obra de instalación dun ascensor neste edificio da cidade histórica é un primeiro paso que permitirá recuperar a secular relación da execución destas obras de restauración do patrimonio con procesos de formación e excelencia na intervención dos diferentes oficios” -salienta Ángel Panero-.

 

Favorecer a formación para o emprego

 

No prego para adxudicar a obra puntúanse catro tipos diferentes de iniciativas de formación para o emprego: apoio á formación final práctica, contratos en prácticas, cursos de formación continua e contratos de formación en alternancia co emprego. Respecto a esta última iniciativa, relativa á denominada Formación Dual, que con tanto éxito se vén aplicando en Centroeuropa, principalmente na promoción e inserción no mercado laboral de persoas mozas, “un avance importante na Formación Dual no sector da construción en Galicia para o emprego vencellado coa rehabilitación do patrimonio sería estratéxico para impulsar con éxito políticas públicas innovadoras que asocien a creación de emprego cualificado e estable coa conservación do patrimonio histórico construído” -manifesta o arquitecto do organismo interadministrativo-.

 

O Consorcio de Santiago xa vén traballando desde hai anos para asociar a conservación do Patrimonio da Humanidade de Compostela coa xeración de oportunidades para os mozos galegos, e reforza agora coa definición destes criterios de adxudicación o seu compromiso co estímulo da formación para o emprego cualificado e estable.